IX PREMIO VICENTE RISCO DE CIENCIAS SOCIAIS
Co fin de honra-la memoria de Vicente Risco e asemade axudar á consolidación da nosa cultura e á normalización lingüística do galego, os concellos de Allariz e Castro Caldelas e mailas Fundacións Vicente Risco e Sotelo Blanco convocan o IX PREMIO VICENTE RISCO DE CIENCIAS SOCIAIS, dotado con 6.000 euros (1.500 euros por cada un dos organizadores) e que se ha rexer polas seguintes
BASES
Primeira.– Poderá concorrer ó premio calquera
persoa, sen distinción de idade ou nacionalidade, que presente os seus textos en
lingua galega, conforme ás Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego
elaboradas polo ILG e a RAG e aprobadas polo Parlamento de Galicia. Os textos
presentados, amais de seren inéditos e totalmente orixinais, han tratar do
estudio do ámbito galego sempre desde o punto de vista das ciencias sociais
(antropoloxía, historia, sociolingüística, economía, socioloxía, etc.), tendo
unha extensión mínima de cento cincuenta páxinas e unha extensión máxima de
trescentas páxinas, tamaño folio e mecanografadas a dobre espacio. Valorarase
especialmente que o estilo expositivo se adecúe ós usos habituais do xénero
ensaístico.
Segunda.– De cada texto presentaranse cinco copias
antes do día 15 de decembro do 2003, remitíndoas á Fundación Sotelo Blanco, San
Marcos, s/n., 15820 Santiago de Compostela.
Terceira.– Cos orixinais, que irán precedidos polo
título ou lema escollidos polo autor, axuntarase un sobre pechado no que figure
por fóra o lema e que conteña o nome completo, DNI, enderezo e teléfono do
autor, así como o título do libro; indicando no sobre IX PREMIO VICENTE RISCO DE
CIENCIAS SOCIAIS.
Cuarta.– O xurado estará composto por cinco membros
que, relacionados co mundo da cultura, serán nomeados polas catro entidades
convocantes. Un deles actuará de secretario. O premio outorgarase por maioría de
votos.
Quinta.– A composición do xurado darase a coñecer
na primeira quincena do mes de decembro.
Sexta.– A decisión do xurado, que será inapelable,
darase a coñecer na segunda quincena de xaneiro e a entrega do premio
realizarase no decurso dun acto que se celebrará en Castro Caldelas en data que
se comunicará oportunamente.
Sétima.– O premio, que é indivisible, poderase
declarar deserto, caso de o xurado así o estimar en decisión inapelable.
Oitava.– Os gañadores do premio nalgunha das súas
edicións anteriores non poderán concorrer nesta convocatoria.
Novena.– Sotelo Blanco Edicións, segundo acordo
coas entidades organizadoras, resérvase o dereito de publicación, sen limitación
de número de exemplares nin de edicións, da obra gañadora, reservándose tamén os
dereitos de edición da mesma en tódalas linguas coa posibilidade de ceder tales
dereitos a terceiros. A contía do premio considerarase en concepto de adianto
polos dereitos de autor. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar
expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá
gratuitamente 25 exemplares da obra publicada.
Décima.– Os orixinais non premiados poderanse
retirar logo de pasados quince días da data do fallo. Os orixinais que non se
retiraren destruiranse. A participación neste premio significa a completa
aceptación das presentes bases e mais das decisións do xurado que se designe.