|
 |
SOTELO BLANCO EDICIÓNS (1980-2005)
VINTE E CINCO ANOS COA CULTURA GALEGA |
Sotelo
Sotelo Blanco Edicións, cun catálogo que xa pasa dos 1.000 títulos publicados, percorreu nos vinte e cinco anos da súa historia diferentes etapas, pero sempre seguindo a liña de independencia e de apoio á cultura galega que foi razón da súa creción por Olegario
Sotelo Blanco no mes de marzo de 1980.
Se os dous primeiros anos da nosa andaina se dedicaron fundamentalmente a perfecciona-la estrutura editorial, tanto na organización interna e equipo de produción coma no sistema comercial e de promoción, os anos intermedios, ata o 1986, significan a apertura das máis das coleccións e a normalización paulatina da produción no aspecto cuantitativo, para, posteriormente, nos últimos anos oitenta e comezo dos noventa, poñer en marcha a nosa propia distribuidora e inaugura-la sede de San Marcos, en Santiago de Compostela.
As nosas liñas editoriais
Para comprendermos mellor as actuais liñas editoriais de Sotelo Blanco Edicións é imprescindible facer un percorrido breve polo que foi e é a historia da editorial.
Fundada en 1980 dedicouse desde os comezos a un labor de recuperación da cultura galega mediante a edición de facsímiles e libros de conversas con persoeiros da nosa cultura, amais de iniciar unha liña de apoio a xéneros fundamentais, coma a poesía e o teatro, a través das coleccións Leliadoura
e A Biblioteca do Arlequín,
que dispuñan de senllos premios.
É, daquela, reflexo dunha época de rexurdir para a cultura galega, momento que foi de asentamento e que se expresa a través do xénero fundacional da literatura galega: a poesía e máis concretamente a colección e o premio Leliadoura, fundamental para a literatura galega dos anos oitenta.
A aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de Normalización Lingüística en 1983 e a posterior e progresiva implantación do galego no ensino trae como consecuencia, desde o punto de vista editorial, unha ampliación e diversificación dos lectores e a necesidade de elaborar material didáctico en galego e en Galicia, traendo, polo tanto, un cambio significativo nas nosas liñas editoriais.
No noso catálogo a narrativa pasa a se-lo xénero central con fenómenos como o Premio Blanco Amor, publicado en varias ocasións na nosa colección
Medusa Narrativa, que a partir de 1992, tamén vai incluír traducións para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas. Tamén a literatura infantil e xuvenil xorde
con inusitada forza. Neste eido xa Sotelo Blanco Edicións
iniciara unha política de coedicións, cunha editorial
catalana, que deu como resultado a publicación de tres coleccións
para primeiros lectores: A Porta, A Fiestra e os Libros do Sol e
da Lúa, estes últimos na modalidade de álbum
en cartoné. Pero é no ano 1990 cando Sotelo Blanco
decide dar outro paso e crea a colección Infantil e Xuvenil
co obxectivo de publicar e promocionar autores e ilustradores galegos.
A partir do ano 1990, polo tanto, as
liñas editoriais de Sotelo Blanco Edicións desenvólvense
ó redor de tres eixos fundamentais: --Colección Medusa
Narrativa. --Colección Infantil e Xuvenil. --Colección
Didáctica.
Neste ano comezouse a publicar tamén
a revista trimestral A Trabe de Ouro (Publicación galega
de pensamento crítico), que dirixe X. L. Médez Ferrín
xunta cun consello de redacción do que forman parte prestixiosos
intelectuais e escritores. Hoxe a revista conta con sesenta tomos e quince anos de existencia.
Así mesmo, a editorial publica as obras galardoadas cos premios de ensaio e de creación literaria: Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta e Premio Risco de Literatura Fantástica.
E, en narrativa, publicáronse
autores anovadores, e hoxe fundamentais para entende-la evolución
da nosa narrativa a partir dos noventa, coma Xurxo Borrazás,
Aníbal C. Malvar ou Xavier Queipo e abríndose a colección
a autores estranxeiros de prestixio coma William Golding, Karen
Blixen, J. D. Salinger, Richard Ford ou Paul Auster.
En literatura infantil e xuvenil, co
desenvolvemento de tres series, unha para primeiros lectores na
que prima a ilustración en cor, e outras dúas para
o treito madurativo que vai dos oito ós doce anos e de aí
en diante, comezámo-la publicación de autores galegos
xa consagrados coma García Teijeiro, Bernardino Graña,
Ursula Heinze, Concha Blanco, Fina Casalderrey ou X. A. Perozo xunta
autores novos e sorprendentes coma Heras Varela,Xelís de
Toro ou María Canosa.
Tamén se iniciou a publicación
dunha colección xa emblemática dirixida ós
adolescentes e mais a calquera tipo de lector interesado na cultura
e formas de expresión da mocidade: doce x vintedous. Na que
principiaron andaina autores que logo publicarían títulos
xa non dirixidos a un lector tan específico, coma Xabier López López, Manuel Darriba ou Jaureguizar.
Doce x vintedous, pola súa concepción aberta e fundamentalmente
literaria, non determinada por obxectivos didácticos, foi
e segue a ser un fito no que atangue a liñas editoriais para
adolescentes.
No que respecta ó material para
o ensino, Sotelo Blanco comezou coa publicación de libros
de apoio ó mestre para de seguida iniciar un proxecto dedicado
á Educación Infantil e fundamentalmente centrado na
Área de Comunicación e Representación. Pensamos
que era primordial que os mestres dispuxesen de material abondo
para realizar unha tarefa que cremos é fundamental para a
pervivencia da nosa cultura: a alfabetización dos nenos en
galego. Así, da grafomotricidade e a lóxica matemática
pasamos a elaborar un método de lecto-escritura gracias a
colaboración co Colectivo Bubela. Posteriormente publicáronse
os cadernos Escribo con Bubela, dedicados á caligrafía,
e os contos de lectura progresiva Leo con Bubela, para rematarmos
polo de agora coa caixa de recursos e actividades Xogo con Bubela.
Realizáronse uns cadernos para aproveitamento da música
en Infantil e Primeiro Ciclo de Primaria, traballouse a iniciación
á expresión matemática cos cadernos Aprendo
os números e abordáronse así mesmo os eixes
transversais cun material lúdico exclusivamente pensado para
a coeducación: os libros móbiles ¿Quen o fai?,
centrados nos oficios, na familia e na escola.
Todo isto non significou o abandono
doutros eidos necesarios para a consolidación da nosa cultura:
o ensaio, coa colección Estudios e Investigacións,
na que se publicaría a Historia da lingua galega, de Ramón
Mariño Paz, a Gramática práctica (Morfosintaxe) de Carme Hermida Gulías, todas elas obras de referencia para a cultura galega, ou os clásicos galegos con edicións críticas e comentadas.
O desenvolvemento de libros de texto,
como consecuencia da excelente acollida dos nosos materiais para
o ensino, é un dos últimos grandes proxecto levados
a cabo por Sotelo Blanco Edicións en colaboración
cun grupo de mestres especialistas, publicándose libros para
as tres áreas centrais, matemáticas, lingua galega
e coñecemento do medio, do currículo do Primeiro Ciclo
da Educación Primaria.
|