Presentación do libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media (Premio Vicente Risco de Ensaio 2011)  13/06/2011

O mércores, 15 de xuño, ás 19:30h da tarde, na Galería Sargadelos (Provença, 276) de Barcelona, presentarse a obra publicada por Sotelo Blanco Edicións Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media (Premio Vicente Risco de Ensaio 2011) de Carlos Callón

Amais do autor do libro, intervirán Helena González (profesorsa da Universitat de Barcelona) e Olegario Sotelo (editor)

Botando man dunha ampla documentación medieval (sobre todo galega), en Amigos e sodomitas explícase como entre os séculos XI e XIV se configurou o pecado-delito de sodomía, inexistente nos mil primeiros anos de historia do cristianismo.

Para analizar esta evolución da tolerancia á intolerancia, amósase a institucionalización documental máis antiga da unión entre dous homes na Península Ibérica, que se produce en Galiza no século XI (Pedro Díaz e Muño Vandilaz, 16 de abril de 1061), analízase a homofobia como arma política contra a nobreza galega que se enfronta a Afonso X e repásase a evolución dalgunhas historias moi divulgadas na Galiza medieval, como o martirio do santo galego Paio.

Obsérvanse tamén desde outro prisma moitos textos do trobadorismo galego-portugués: unha enigmática cantiga amatoria entre dous homes, a sátira contra o lesbianismo en que se fala do amor de dúas prostitutas compostelás ou os indicios dunha identidade grupal homosexual análoga á estabelecida por Michel Foucault para o século XIX.


Esta investigación ten a súa primeira presentación en Barcelona, despois de ser recoñecida por unanimidade co premio Vicente Risco de Ensaio 2011. Esta mesma semana chega ás librarías galegas, cando faltan xa poucos días para a celebración internacional do Día do Orgullo Gai, Lésbico, Bisexual e Transexual.

http://www.galiciahoxe.com/portada/gh/amigos-sodomitas/idEdicion-2011-06-13/idNoticia-678285/