|
A CASA LABREGA
I. A adega Alquitara (Pota)
Descrición:
Aparello de cobre composto por dous corpos; un inferior
(pote ou caldeira) de forma aproximada a unha esfera con dúas asas
de ferro para transportala e un corpo superior (capacete) en forma de
pagode onde se condensan e refrixeran os vapores que emanan do bagazo.
Do cume desta peza arrinca un tubo longo (canón) revirado cara
a abaixo e suxeito cun tirante de ferro que abraza o canón pola
metade e vai dar ao centro da caldeira.
Utilización:
Emprégase para extraer por medio do lume
e polo procedemento de destilación a augardente do bagazo da uva.
Canado (Barcal)
Descrición:
Recipiente de madeira, ápodo, de forma rectangular
en planta cun amplo cano cuadrangular (12,5 x 9 cm) na parte dianteira
e na traseira un taco de madeira horizontalmente disposto a xeito de asa.
O perfil do aparello é baixo (13 cm) e vai totalmente descuberto
por riba.
Utilización:
Emprégase como medida de capacidade para o
viño cunha capacidade arredor dos 36 litros.
Cubeto
Descrición:
Recipiente de madeira composto por táboas
curvas (duelas) de maior ancho na parte central ca nas bocas, xuntando
nelas e aseguradas con catro aros de ferro (dous na parte superior e dous
na inferior) remachándose nos extremos con dúas pugas de
ferro en cada un. As bocas péchanse con tapas circulares (tempas)
formadas por seis pezas axustadas na gargueira (incisión que leva
no interior das bocas). Na barriga do recipiente fixéronse dous
buratos, un grande (14 cm diám.) para enchelo e lavalo por dentro,
e outro máis pequeno (piqueira) tapado cun billote (tarugo de madeira)
por onde se regula a saída do líquido cando conveña
cunha billa axeitada ao uso.
Utilización:
Emprégase xeralmente para conter viño
aínda que se pode usar para auga, aceite e outros líquidos.
Lagar
Descrición:
Depósito máis ou menos cilíndrico,
aínda que de maior diámetro na base (2,15 m) ca na boca
(1,85 m) feito con duelas (táboas de madeira) rectas, unidas e
aseguradas con catro aros de ferro remachados nos extremos con dúas
pugas de ferro. Os extremos péchanse con tapas circulares (tempas),
a superior móbil. Esta peza vai ergueita do chan e encaixada nunha
tarima ou sobrado formado por un entramado de listóns e traveseiras
de ruda labra. Na base traseira leva incrustados dous postes que sobresaen
por riba do lagar por onde están furados para articular, por medio
dun eixe, unha forte trabe de madeira, toscamente labrada, que leva no
cabo oposto un burato vertical onde se encastra unha peza cadrada de madeira
que o cruza e que dispón dunha rosca pola que pasa un gran parafuso
de madeira (fuso) que se fai xirar a man por medio de catro tornos cilíndricos
encaixados en dous buratos. O fuso leva na base un espigo de ferro que
xira sobre unha peza de pedra de gra de forma troncocónica, chamada
penso ou pedra, facendo baixar a trabe e premer a uva. Para que saia o
viño ao prensar o bagazo o lagar dispón na base dun burato
circular (biqueira).
Utilización:
Serve para prensar o bagazo da uva para facer o viño.
Pelello (Odre)
Descrición:
Saco ou bolsa feita de coiro de cabra ou cabrito
cosido e pegado polos tocos e outras aberturas agás pola correspondente
ao pescozo do animal que actúa como boca do recipiente.
Utilización:
Emprégase para conter e transportar líquidos
(viño xeralmente aínda que tamén auga, aceite, etc.).
Porrón
Descrición:
Cacharro con figura troncocónica na súa
metade inferior e esferoidal na superior rematada nunha protuberancia
aguzada. Dispón de dúas bocas: «bico grande»
para enchelo e «bico delgado» para beber e verter o contido.
Conta cunha forte asa semicircular para o transporte. Ausente de todo
tipo de adorno e enfeite.
Utilización:
Emprégase para conter a auga e mantela fresca
ao «supurar» polos poros do material (barro ou arxila propia
da zona de Niñodaguia).
Xerra
Descrición:
Cacharro configurado con suaves incurvacións
tanto na súa «barriga» coma a nivel do pescozo. Dispón
dun bico ou biqueira no corpo cilíndrico que sobresae do corpo
principal e unha asa diamentralmente oposta a esta.
Utilización:
Emprégase para conter e servir líquidos
comúns e concretamente viño.
Xerra
Descrición:
Recipiente feito de vimbio e pez, de bandullo esférico
moito máis amplo cá boca cun bico para facilitar o vertido
do líquido. Conta cunha asa feita do mesmo material e leva pegada
unha basa feita cun aro de madeira para pousar. O interior vai revestido
cunha capa de substancia resinosa (pez) que impermeabiliza o recipiente.
Utilización:
Emprégase para conter e servir líquidos,
xeralmente o uso máis estendido é o de servir o viño.
Xerro
Descrición:
Recipiente configurado en forma ovoidal con suave
incurvación na súa «barriga» e un pescozo alto
e cilíndrico que leva un bico ou biqueira apertada e premida na
base desta. Está vidrado totalmente na parte interna e no terzo
superior da externa cun «baño roxo» decorado con aplicacións
de barbotina ocre en figura de ondas (vidrado en orella de boi) aplicado
manualmente coa xema dos dedos.
Utilización:
Emprégase para conter e servir líquidos
en xeral e viño en particular tanto na casa coma na taberna.
|
|
|
|
|
II. A cociña
Ámboa
Descrición:
Peza de deseño ovoide, alongado e de ampla boca de
beiras curvas e «volteadas» rematando por baixo nun reducido segmento
troncocónico e base estreita. Distínguese a «orella» ou bordo reforzado
e adornado con «picados» cun escaso «papo» ou pescozo que o separa da
«barriga» ou corpo. Para reforzo das súas paredes ten distribuídos por
toda a superficie exterior uns relevos circulares «bincalos», cordóns
decorados con depresións dixitais (uñadas).
Utilización:
Emprégase para conter líquidos como medida do viño,
para transporte e outros usos como «facer» e gardar o viño tostado, vinagre,
tomates, cebolas, pementos verdes, etc. Tamén servía para facer a purificación
do aceite.
Aceiteira
Descrición:
Recipiente de folla de lata en figura de tronco de
cono; leva dúas asas superpostas de tamaño decrecente, máis
pequena a superior cá inferior, e un tapón, tamén
de lata, en forma cilíndrica e oco.
Utilización:
Emprégase para conter pequenas cantidades
de aceite ademais doutros líquidos coma o vinagre, gas, etc.
Balde
Descrición:
Recipiente de cobre en forma de tronco de cono invertido
co fondo pequeno e rematado por riba nunha semiesfera que leva unha boca
cilíndrica co bordo superior reforzado por un aro de ferro remachado
á estrutura. Ten unha asa de ferro para transportalo.
Utilización:
Emprégase para levar e conter auga.
Batedor
Descrición:
Aparello de madeira composto por un fuste cilíndrico
cunha lixeira moldura nun extremo e un cilindro de madeira axustado no
outro, tendo este toda a superficie tallada de xeito denticular para bater
e desfacer a substancia sólida. Sobre esta unha rodela de madeira
do mesmo diámetro tamén dentada, que xira arredor do fuste.
Utilización:
Emprégase para bater chocolate, manteiga e
outras substancias semisólidas facéndoo xirar entre as dúas
mans.
Caldeira
Descrición:
Recipiente de cobre de gran tamaño con forma
cilíndrica e provisto dunha anga semicircular de ferro para penduralo
sobre o lume na gramalleira.
Utilización:
Emprégase para quentar auga e cocer alimentos
pendurándose do gancho da gramalleira sobre o lume.
Cántaro de medida (Ola de medida)
Descrición:
Recipiente de configuración ovoide e esferoidal
de ampla barriga, seguido cara a abaixo dun segmento troncocónico
de base estreita. O bordo da boca é moi consistente. Na parte máis
saínte do corpo vai arrodeado por un «vinco» ou reforzo
e outros tres están dispostos verticalmente do pescozo ata o reforzo
anterior e regularmente distribuídos no contorno.
Utilización:
Emprégase como medida para líquidos,
concretamente viño, de aí o seu nome: «olas de medida»
ou «ola do viño» co que tamén se coñece.
Cántaro do sulfato
Descrición:
Recipiente de configuración ovoide e esferoidal
seguindo cara a abaixo dun segmento troncocónico de base estreita.
O bordo da boca é moi consistente e leva unha biqueira para facilitar
o baleirado do «sulfato». Na parte máis saínte
do corpo leva unha incisión que percorre todo o perímetro.
Utilización:
Empregábase para levar o «sulfato»
á máquina de fumigar con que se traballaba.
Cazo
Descrición:
Utensilio de cociña consistente nun recipiente
semiesférico de latón cun mango de ferro longo e dobrado
polo extremo formando un buraco para penduralo.
Utilización:
Emprégase na cociña para remexer os
alimentos durante o proceso de cocción e para servilos directamente
no prato ou noutra vasilla.
Coador
Descrición:
Utensilio en figura de cono, feito de folla de lata,
cribado de pequenos orificios dispostos en trama regular. Leva un mango
longo de ferro remachado na beira da circunferencia e perforado no extremo
para penduralo.
Utilización:
Emprégase para separar líquidos dos
sólidos contidos neles, e en xeral todo tipo de impurezas; máis
especificamente emprégase para coar o leite.
Chocolateira
Descrición:
Vasilla similar a un pucheiro, de forma esferoidal
no seu corpo con ampla base que por riba se abre desde o pescozo ata a
«orella» ou bordo groso. Leva no corpo unha asa en forma de
rabo, oca, co fin de que non se desprenda coa calor, que fai de agarradeira
disposta con certo grao de inclinación.
Utilización:
Emprégase para diluír o chocolate en
onzas (chocolate das paridas), quentar auga ou preparar o almorzo de caldo
ou leite.
Chocolateira
Descrición:
Recipiente de cobre de forma troncocónica
coa barriga bandullenta ampliándose pola base a xeito dun prato
invertido actuando como soporte para pousar enriba dunha superficie. Consta
dun mango de ferro remachado no vaso por dous cravos de cobre e no outro
extremo leva unha argola ou burato para penduralo nun cravo no alzadeiro
ou lugar semellante.
Utilización:
Emprégase xeralmente para facer e servir o
chocolate.
Fonte (Bandexa)
Descrición:
Vasilla de madeira de figura semellante a unha cunca,
fonda e ampla en forma de media esfera empregada para servir alimentos
sólidos na mesa.
Utilización:
Emprégase para labrar e cavar as terras duras,
arrincar e carrexar esterco e, en xeral, calquera tipo de materia ou peso
que se axeite ao uso común.
Forma para o roscón (Molde)
Descrición:
Molde en forma de tronco de cono invertido cun burato
no centro que se prolonga cara a arriba en forma de tubo troncocónico
a xeito de cheminea. Leva unha argola na beira superior para retiralo
do forno.
Utilización:
Emprégase como molde para meter a masa do
roscón (doce elaborado con fariña, ovos, azucre e leite,
con forma de rosca) no forno.
Funil
Descrición:
Utensilio de cociña, oco, ancho por riba,
de forma cilíndrica, en figura de cono e rematado nun cano estreito.
No interior quedan restos dunha tea de fino arame, cribada de pequenos
orificios que ao tempo do transvasamento coa e limpa os líquidos,
na base interna do cono. Consta de dúas asas unha a cada lado na
parte superior.
Utilización:
Emprégase para separar líquidos dos
sólidos contidos neles e, en xeral, todo tipo de impurezas ao tempo
de transvasalos a outros recipientes de boca máis estreita.
Garfo
Descrición:
Instrumento de cociña feito todo de ferro,
con tres dentes curvos e puntiagudos e un mango ancho e plano rematado
nun burato para penduralo dun cravo no alzadeiro ou no gancho dunha variante
especial de trespés axeitado para isto.
Utilización:
Utensilio empregado para cociñar na lareira
co uso específico de prender ou asegurar unha peza de alimento
(carne, patacas, etc.) que se quere cortar ou recoller do pote ou cazola.
Machada
Descrición:
Ferramenta de ferro, cortante, que consta dunha pa
cun fío aceirado algo curvado e que ten un ollo no que se axusta
un mango de madeira no plano lonxitudinal e de xeito paralelo á
mesma.
Utilización:
Ten diversos usos na agricultura e tamén no
uso doméstico.
Mazo de morteiro
Descrición:
Instrumento complementario do morteiro co que fai
xogo; fórmase por unha peza de madeira en forma de badalo con molduras
torneadas e axustadas á anatomía da man pechada.
Utilización:
Emprégase fundamentalmente na cociña
para esmagar certas substancias no morteiro (especias, semente, herbas...)
para adobar e aliñar as comidas.
Morteiro
Descrición:
Recipiente de madeira en forma de vaso ou pequena
cunca moldeado a torno e decorado polo exterior cunhas bandas de cor máis
escura cá madeira base. Para moer ou esmagar os produtos dispón
dun mazo tamén da mesma madeira e con formas torneadas axeitadas
á anatomía da man pechada.
Utilización:
Emprégase sobre todo na cociña e para
usos alimentarios como esmagar certas substancias nel (especias, semente,
herbas...).
Muíño do café
Descrición:
Enxeño feito cunha caixa de madeira que leva
unha pequena naveta para recoller o po da moída. Sobre esta unha
cúpula de ferro seccionada transversalmente, unha parte fixa e
outra móbil para permitir enchelo de gran. Enriba conta cunha manivela
(mecanismo de transmisión constituído por un brazo de ferro,
cun pomo xiratorio de madeira) perpendicular a un eixe que imprime rotación
a unha «moa» (peza de ferro dentada) que pulveriza o gran.
Utilización:
Emprégase para moer o gran do café.
Ola
Descrición:
Recipiente de forma esferoidal moi barriguda na parte
ensanchada seguido dun segmento troncocónico cara á base.
Está vidrado totalmente na parte interna e no terzo superior da
externa cun «baño vermello» (vidrado moderno) carente
de todo tipo de adorno.
Utilización:
Emprégase para ir á auga, gardar o
viño e o leite e tamén para mazalo adaptándolle unha
rodela (cunca de madeira ou arxila) e un mazo.
Pote
Descrición:
Recipiente de ferro de bandullo esférico
moito máis amplo cá boca de forma cilíndrica, provisto
de tres pés e dúas asas pequenas unha a cada lado, en forma
de escuadra, das que se engancha outra máis grande (anga) para
colgalo da gramalleira. Leva un testo do mesmo material con asa semicircular
no cume.
Utilización:
Emprégase para quentar a auga para a coada
e facer a comida para os porcos.
Pucheiro
Descrición:
Cacharro en forma esferoidal no seu corpo con ampla
base que por riba se abre desde o pescozo ata a orella ou bordo. Este
leva dúas asas diametralmente opostas. A parte interna e terzo
superior da externa van vidradas cun «baño vermello»
e sinxelas decoracións de cor ocre a base de grupos de tres pinceladas
diagonais na base do pescozo.
Utilización:
Emprégase fundamentalmente para gardar o pingo
e graxa do porco, aínda que tamén se pode usar como «xerra»
para servir diversos líquidos como viño, etc.
Pucheiro (Pota catalá)
Descrición:
Cacharro de desenvolvemento vertical en forma máis
ou menos cilíndrica no seu corpo con ampla base que por riba se
abre desde o pescozo ata a «orella» ou bordo groso. Neste
leva dúas asas diametralmente opostas.
Utilización:
Emprégase para guisar directamente ao lume,
muxir as vacas e gardar o pingo (graxa de porco) e os chourizos nel.
Sella
Descrición:
Recipiente de forma troncocónica feito con
duelas (táboas) de madeira suxeitadas con aros de metal dourado
(latón) e cunha asa do mesmo material soldada no aro central.
Utilización:
Emprégase para transportar e conter auga.
Tixola
Descrición:
Recipiente circular de ferro, máis largo
ca fondo e coa base plana. Dispón dun mango longo e plano do mesmo
material.
Utilización:
Emprégase na cociña para fritir ou
tostar alimentos.
Trespés (Trepia)
Descrición:
Estrutura de ferro de forma triangular elevada do
chan por medio de tres pés formando o conxunto unha estrutura unitaria.
Utilización:
Emprégase para poñer sobre o lume na
lareira as vasillas ápodas que non teñen soporte para isto
(potas, tixolas...)..
Xerra
Descrición:
Recipiente coa boca de forma ostentosa que se desprega
ondulándose lateralmente para logo comprimirse fortemente na base
do seu bico ou biqueira. Esta apértase na base e, para premela
máis, leva un reforzo decorado e percorrido por un cordón
con impresións dixitais (unlladas), tamén chamado «vinco».
Como motivo de adorno póñenselle relevos ou vincos que prolongan
a ponte do bico cara a abaixo debuxando unha ampla curva; ademais leva
decoracións incisas arredor do bandullo consistentes e simples
punteados ou «picados»; por baixo destes leva ademais liñas
incisas onduladas chamadas «ringorrangos». Esta xerra coa
súa complexa decoración compón no seu conxunto unha
figura antropomorfa con rostro humano de amplos e curvados bigotes representados
por vincos.
Utilización:
Emprégase para conter, gardar e servir viño
na mesa ou na taberna.
Aparador (Chineiro)
Descrición:
Moble de comedor composto por cinco corpos. De abaixo
arriba: un zócolo ou rodapé con catro resaltes que fan de
pés, sobreelevando o zócolo do chan. Un segundo corpo (77
cm altura) leva dúas amplas portas que gardan uns andeis e dúas
navetas ou caixóns enriba para gardar os cubertos e outros utensilios
domésticos. Un corpo medio aberto por diante e con molduras de
soporte polos laterais para termar do corpo superior, de menor profundidade
(30 cm) có resto da estrutura. Consta de dúas portas acristaladas
divididas horizontalmente pola súa metade cun bastidor formando
catro panos. Remata o moble nun corpo superior, a cornixa, de gran desenvolvemento
cara ao exterior. Presenta a madeira de castiñeiro unha fermosa
tonalidade escura de curtido natural.
Utilización:
Armario empregado para gardar a louza dunha casa
e todo o que é preciso para o servizo dunha mesa (cuncas, cubertos,
garfos, botellas, etc.). .
Artesa (Maseira)
Descrición:
Caixón de madeira en forma de tronco de pirámide
rectangular invertida, elevada do chan por catro pés de madeira
que lle dá aspecto dunha mesa. A parte superior leva unha tapa
que se ergue namentres se amasa para o que vai provista de dúas
bisagras; mantense aberta por medio dun pau ou fiador que a sostén.
Entre os pés e baixo a caixa principal leva incorporado un caixón
(65 x 42 x 15,5 cm) cunha argola a xeito de tirador empregada xeralmente
para conter algún instrumental preciso para o amasado ou gardar
o fermento para levedar a masa da próxima fornada.
Utilización:
Emprégase para amasar a fariña para
facer o pan (uso xeral) aínda que tamén serve para gardar
nela pan, etc.
Banco
Descrición:
Moble de madeira con respaldo con capacidade para
cinco ou seis persoas. Consta dun asento, táboa disposta de plano
horizontal e un respaldo, táboa disposta de plano vertical, ámbalas
dúas cravadas nunha armadura de listóns. Tanto o asento
coma o respaldo teñen os extremos redondeados carecendo en absoluto
de decoración.
Utilización:
Emprégase como asento para a cociña
en xeral pero ademais no corredor ou no comedor os días de festa.
Burro
Descrición:
Armazón de madeira xiratorio formado por
dous paus grosos dispostos en forma de escuadra; un longo e vertical máis
estreito no tramo superior para permitir o xiro nun canzorro artellado
na parede, e por baixo algo apuntado para introducilo nun rebaixe da pedra
da lareira; outro máis curto axustado transversal e perpendicularmente
nel serve para pendurar a gramalleira. Entre os dous paus grosos atravésase
un máis miúdo a xeito de tirante e como reforzo do conxunto.
Utilización:
Emprégase nas cociñas antigas para
pendurar del a gramalleira da que penden os potes e caldeiros.
Canizo
Descrición:
Armazón de táboas e varas que forman
unha plataforma a certa altura, ao comezo da campá da cheminea
da lareira, labrada na superficie superior con canais e furada cunhas
restras de ocos por onde pasa o fume e o aire quente do lume.
Utilización:
Emprégase para afumar e secar as castañas,
chourizos e outros produtos derivados da matanza do porco.
Cantareiro
Descrición:
Especie de mesa ou andel con catro patas e dous
buratos circulares (19 cm diám.) na parte superior en forma de
cunca cunha abertura por baixo. A peza horizontal ten unha forma irregular
que repercute na colocación das patas, asimetricamente dispostas.
Utilización:
Serve para colocar as cántaras e olas de barro
na cociña (uso específico) aínda que se poden poñer
os baldes e outros recipientes para conter auga. Sitúase a carón
do vertedeiro para ter a man a auga que se precise.
Escano
Descrición:
Banco con respaldo e apoios para os brazos nos extremos
con capacidade para catro ou cinco persoas sentadas. Ten unha forma maciza
e forte, sen ocos na ensamblaxe. Está feito de madeira de castiñeiro
cunha cor escura ao se curtir co fume da lareira. Amosa ausencia total
de enfeites e decoración respondendo aos máis estritos esquemas
de funcionalidade dos tradicionais mobles rurais galegos.
Utilización:
Ten diversos usos; o máis xeneralizado é
para sentar, quentarse ou comer ao carón do lume na lareira das
casas tradicionais labregas durante as frías noites de inverno.
Escano con mesa de levante
Descrición:
Banco con respaldo e apoios para os brazos nos extremos
con capacidade para catro ou cinco persoas sentadas. Ten unha forma maciza
e forte sen ocos na ensamblaxe. Leva unha mesa de alzar de madeira, incorporada
e articulada ao respaldo con dúas bisagras nos extremos de xeito
perpendicular, apoiándose nuns resaltes da madeira, nos extremos
dos brazos. Moble feito de madeira de castiñeiro cunha cor escura
ao se curtir co fume da lareira. Ten ausencia case total de decoración,
agás no cume dos soportes verticais do respaldo con dúas
sinxelas figuras xeométricas e algunha moldura no entrepano do
respaldo.
Utilización:
Ten diversos usos: o máis xeneralizado é
para sentar, quentarse ou comer ao carón do lume na lareira das
casas tradicionais labregas durante as frías noites de inverno.
Fol (Barquín)
Descrición:
Instrumento feito con dúas tapas de madeira
de castiñeiro en forma lanceolada cun pequeno mango en cada unha
delas e unidas cunha peza de coiro flexible cravada nos cantos das tapas.
No extremo oposto dispón dun cano de ferro para botar o aire e
unha válvula nunha das tapas para recollelo.
Utilización:
Emprégase para soprar e avivar o lume na lareira.
Gramalleira
Descrición:
Cadea de ferro que consta de doce elos en forma
de «8», once deles de perfil plano e outro de formas cilíndricas,
máis forte, para termar en último extremo do peso dos potes
e caldeiros.
Utilización:
Serve para pendurar no burro, e sobre a lareira das
casas antigas para pendurar os potes e caldeiros sobre o lume para facer
a comida e quentar auga para outros usos.
Tallo
Descrición:
Banqueta pequena para unha soa persoa, de xeito
rectangular, sen respaldo, con catro pés cilíndricos e un
buraco de formas irregulares no centro do asento (diám. aprox.
8 cm) para transportalo.
Utilización:
Emprégase nas cociñas antigas para
sentar ao carón do lume na lareira.
Touciñeira
Descrición:
Tronco de árbore descortizado, seccionado
lonxitudinalmente pola metade en dúas tempas, unha a modo de piso
e outra de teito, feitas de táboas grandes, ámbalas dúas
da mesma sección irregular có tronco e dúas portas
no frontal da mesma altura có moble suxeitas con dúas bisagras
en cada unha das follas. Álzase do chan por medio de dous listóns
de madeira dispostos nos extremos en profundidade. No interior leva un
gancho de ferro en forma de áncora (63 cm lonx.) onde se penduran
as viandas (xamóns, chourizos, touciño, etc.). .
Utilización:
Emprégase para pendurar os touciños,
xamóns, cacholas, etc. e protexelos dos roedores e demais animais
domésticos.
Trasfogueiro
Descrición:
Moble de cociña formado por unha barra horizontal
de ferro, sustentada a escasa altura do chan por catro pés, con
dúas verticais nos extremos que rematan por riba en senllos ancheamentos
semiesféricos creados por dúas láminas de ferro entrecruzadas,
reviradas cara a arriba e suxeitadas cun aro de ferro, onde se poñen
os candís para iluminar. Presenta ao longo dos brazos verticais
volutas de diferentes diámetros que, ao tempo que serven como adorno
do moble, se empregan para meter a punta dun espeto (barra fina e puntiaguda)
para asar carne directamente ao lume.
Utilización:
Emprégase para poñer ao carón
do lume e apoiar nel as rachas de leña para que ardan mellor ademais
de servir de soporte doutros instrumentos e trebellos de cociña
(espetos para asar carne directamente ao lume, garfos, foles, trébedes...)
e pousar na parte superior dos brazos da «U» pratos con comida
e cuncas para conservarse quentes preto do lume.
Artesa (Maseira)
Descrición:
Caixón de madeira en forma de tronco de pirámide
rectangular invertida, elevada do chan por catro pés de madeira
que lle dá aspecto dunha mesa. A parte superior leva un taboleiro
a xeito de tapa que se ergue namentres se amasa para o que vai provisto
de dúas engrenaxes de puntas grosas entrelazadas que actúan
de bisagras e mantense aberta por medio dun pau ou fiador que a sostén.
Utilización:
Emprégase para amasar a fariña para
facer o pan (uso específico) aínda que tamén serve
para gardar nela pan, cereais e outros produtos domésticos.
Pa de forno
Descrición:
Ferramenta composta dun mango longo de sección
oblonga e unha prancha case circular nun extremo, totalmente plana polas
dúas caras.
Utilización:
Emprégase tanto para enfornar a masa do pan
coma para retirar o pan cocido do forno.
Rodo (Trollo)
Descrición:
Utensilio de madeira que consiste nunha travesa
de madeira en forma de táboa rectangular, sendo máis groso
pola unión co mango de madeira e máis fino e apuntado pola
zona de arrastre. A táboa ten unha lixeira concavidade en toda
a súa extensión pechándose nos extremos para evitar
o derrame lateral do contido recollido.
Utilización:
Ten dous usos principais na agricultura; primeiro
e como uso principal durante a malla dos cereais para axuntar o gran ou
fariña; en segundo lugar para axuntar as brasas e limpar o chan
do forno para cocer o pan.
|
|
|
|
|
III. O dormitorio
Arca (Cofre)
Descrición:
Unha gran caixa de madeira sobreelevada do chan
por listóns de madeira, accesible pola parte superior. Péchase
cunha tapa plana que xoga en grandes bisagras alongadas que percorren
toda a extensión interior da parede posterior e tapa. Está
asegurada con tres grandes pechaduras na parte frontal; orixinariamente
só contaba cun pecho que hoxe aínda conserva, pero posteriormente
engadíronlle dous pechos máis, inutilizados tempo despois
tapándoos polo exterior cuns anacos circulares de madeira atoando
os buratos que aínda se conservan polo interior. Tanto a tapa como
a parede frontal dispoñen dun pequeno burato circular que en tempos
serviu para pechar a caixa cunha cadea asegurada cun pecho de cadeado
e tamén como respiro para airear o interior da arca. Leva ferraxes
artisticamente decoradas por tódalas caras da caixa: nas paredes
laterais dispón de dúas asas ovaladas con decoracións
zoomórficas (estilizacións de cans enfrontados); as arestas
van reforzadas con ángulos e escuadras de ferro de formato lanceolado.
Os espellos das pechaduras e, en xeral, todas as pezas da ferraxe contan
con decoración vexetal (flores heráldicas e motivos vexetais
varios) estilizada.
Utilización:
Na casa rural emprégase para gardar millo,
centeo, fabas e outros produtos semellantes ademais da roupa (no cuarto),
papeis...
Mesa de almofía
Descrición:
Moble feito de varetas de ferro. Estrutúrase
en tres niveis compostos por aros de ferro de diámetro variable
soportados por tres varetas cilíndricas de ferro dispostas verticalmente
que na súa base se abren para formar tres pés enfeitados
con pronunciamentos do propio material. De arriba abaixo consta de tres
niveis: un nivel superior cun aro para encaixar a forma cilíndrica
da almofía (37,5 cm diám.) arrodeado por un aro de maior
diám. (54 cm) seccionado pola parte dianteira, onde se penduran
as toallas, e sostido por tres soportes adornados en figura de «S»
soldados á estrutura xeral do moble. Un segundo nivel leva unha
plataforma circular de ferro (34 cm diám.) cun burato no centro
xeométrico para desaugar; neste ponse unha almofía de menores
dimensións cá outra, tamén furada no centro para
baleirar o líquido do nivel superior; leva este nivel un pequeno
balaústre decorado cun grupo de arames entrelazados formando ovas
artisticamente dispostas. Un terceiro nivel, tamén cunha plataforma
circular de ferro, onde descansa un balde para recoller os residuos e
a auga sucia procedente do aseo persoal. Como elementos complementarios
e inseparables polo uso leva en cada nivel descrito unha peza de aseo:
almofía, xerra e balde.
Utilización:
Moble que serve para soster os útiles precisos
para o aseo persoal (almofías, xerras, baldes, peites, xabón,
etc.).
Balde
Descrición:
Recipiente de porcelana de forma cilíndrica
con algunhas molduras resaltadas da superficie na parte inferior. Consta
dunha anga de metal, modelada en arcos de diferentes diámetros,
con mango de madeira axustado no centro dela. Atópase decorado
con motivos vexetais (papoulas, ramalletes de lilas, etc.) de cores vermella,
verde e azul e negro nas beiras da peza.
Utilización:
Útil empregado, xuntamente coa mesa de almofía
(moble) no que se dispón no nivel inferior, para recoller as augas
sucias procedentes da limpeza e aseo persoal.
Xerra
Descrición:
Vasilla redonda de porcelana (ferro fundido) en
forma de bacía pouco fonda (16 cm) cun burato e tapón no
centro para desaugar. Está decorada con motivos vexetais (papoulas,
lilas, etc.) de diferentes tons e cores (vermellos, verdes, morados claros)
e azul e negro nas beiras da peza.
Utilización:
Vasilla empregada xuntamente cunha mesa de almofía
(moble), para conter e verter auga na almofía para lavarse e facer
o aseo persoal en xeral.
Camareta (Berce)
Descrición:
Pequena cama ou leito formado por dúas pezas
semicirculares de madeira, unha na cabeceira e outra nos pés arredor
das que se cravan sete listóns de madeira configurando deste xeito
unha forma de medio canón invertido cunhas formas inestables que
se axeitan á función de arrolar o meniño.
Utilización:
Emprégase como cama para deitar os nenos
pequenos e pola súa construción axéitase para arrolalos
para que collan sono.
|
|
|
|
|
IV. Iluminación
Candil de carburo
Descrición:
Utensilio de iluminación formado por dous
recipientes cilíndricos de ferro superpostos, o inferior de maiores
dimensións, ensamblados por medio dunha rosca de latón.
A parte superior consta dunha boquilla para encher o depósito con
peche de rosca, un parafuso cun resorte no centro xeométrico do
corpo superior que activa un mecanismo de regulación da intensidade
lumínica e un pequeno tubo que actúa de espita de saída
da chama. Para o transporte leva unha asa xiratoria na que se axusta un
gancho para penduralo. Polo exterior vai pintado de cor negra que o preserva
contra a acción da ferruxe e da corrosión.
Utilización:
Uso doméstico para iluminación.
Candil de gas
Descrición:
Especie de lámpada portátil de gas
que consta dun depósito para o combustible na parte superior formado
por un tronco de cono invertido que dispón dun burato no centro
que serve tanto para enchelo como para termar e axustar a mecha ou torcida.
Esta parte vai elevada do chan por un fuste cilíndrico soldado
tanto á base do cono superior coma ao tronco de cono inferior que
actúa de base. Para baixar o centro de gravidade da inestable estrutura
da lámpada, a forma inferior encheuse con terra ou area facéndoa
máis pesada. Dispón dunha asa disposta verticalmente na
parte superior soldada nun lateral do cono e no fuste, coa finalidade
de transportalo a xeito de lanterna ou farol.
Utilización:
Uso doméstico para iluminación.
Candil de gasolina (Petromás)
Descrición:
Lámpada portátil de gasolina formada
por un depósito de forma cilíndrica con dúas bocas,
unha para botar a gasolina e outra cun émbolo para comprimir o
combustible. Sobre este vai o queimador cun regulador para a saída
da gasolina e regulamento do consumo e da chama que dá a luz. Esta
parte atópase protexida, por unha peza de cristal de forma máis
ou menos fusiforme, das inclemencias metereolóxicas. Enriba, unha
capota de porcelana de cor verde que, ao tempo que suxeita o cristal,
serve para recoller os fumes da combustión e espallalos arredor.
Así mesmo leva unha ampla asa semicircular para pendurala ou transportala.
Utilización:
Uso doméstico para iluminación.
Candil de saín
Descrición:
Lámpada portátil de aceite de sardiña
ou graxa de saín ou porco composta dun recipiente abarquiñado
en forma de cunco para conter o combustible e un bico curto (2 cm) para
poñer a torcida pola parte dianteira e pola posterior unha peza
espetada perpendicularmente a xeito de mastro, posiblemente para pendurar.
Utilización:
Uso doméstico para iluminación.
Farol
Descrición:
Caixa feita de folla de lata coas paredes de vidro
e unha portiña con peche e enganche de presión feito con
dous anacos de lata de superficie triangular revirados sobre si mesmos
e soldados á estrutura. Consta dun anel que arrodea toda a estrutura,
feito tamén de lata, como protección contra os eventuais
golpes e roturas do vidro. A súa parte superior remata nunha peza
en forma de pirámide, truncada polo seu vértice, deixando
unha abertura para evacuar o fume da combustión. Sobre esta engánchase
unha peza que soporta un pequeno teito circular e empenado que dispersa
os fumes. Remata nunha asa circular. No seu interior atópase un
candil de gas de forma troncocónica rematado nunha tapa na que
se insire a mecha ou torcida. Este candil suxeitase á base do farol
cun espigón que sae da base do candil e se introduce nunha pequena
regaña na base mesma do farol. A cheminea en forma de pirámide
truncada leva unhas regañas en forma de media circunferencia que
teñen como finalidade a provisión de aire para a combustión
da chama.
Utilización:
Uso doméstico para iluminación.
Lámpada de carburo
Descrición:
Lámpada portátil de carburo formada
por tres pezas principais: unha base soldada á peza superior (depósito)
en forma de pera invertida composta de dúas pezas ensambladas na
parte máis prominente. Esta parte engárzase por medio dunha
rosca á peza superior que consta de tres elementos, unha biqueira
para encher o depósito de combustible, unha rodiña para
regular a combustión e saída da chama e unha espita de saída
da mesma, colocada perpendicularmente no centro superior do enxeño;
esta leva un sistema de roscas que posiblemente denota a existencia dun
protector de vidro para a chama que non se conserva.
Utilización:
Uso doméstico para iluminación.
Quinqué
Descrición:
Lámpada formada por un depósito de
folla de latón para o combustible en forma de pera invertida con
fuste de latón macizo, torneado e soldado á base do depósito,
e un pé de base octogonal unido por medio dunha rosca e parafuso.
Á parte superior encáixaselle un queimador tamén
de latón por medio dunha rosca, no que se introduce a mecha. A
intensidade lumínica regúlase cunha rodiña que fai
subir e baixar a mecha. Está decorada a parte metálica con
corazóns invertidos e motivos xeométricos perforados na
estrutura do queimador que, ao mesmo tempo, teñen a utilidade funcional
de subministrar o aire preciso para a combustión. En orixe levaba
un tubo de vidro fusiforme para protexer a chama, que hoxe non se conserva.
Utilización:
Uso doméstico para iluminación.
Velón
Descrición:
Lámpada metálica (latón fundido)
de aceite con tres bicos ou mecheiros e un eixe central que pode subir
ou baixar. Consta dun eixe cilíndrico vertical encaixado nun pé
circular con elevación central; unha pequena palmatoria e un depósito
para o aceite con tres bicos, móbil ao longo do eixe vertical e
tapado por unha peza axustada en forma de pagode.
Utilización:
Uso doméstico para iluminación.
|
|
|
|
|
V. Limpeza e mantemento
Máquina de coser de man
Descrición:
Trebello de xastres e costureiras que consta de
dous ordes de pezas: primeiro a base de madeira, de forma rectangular
(47,5 x 25 cm) que serve de soporte á máquina introducíndoa
nun oco disposto ao efecto; segundo, a máquina mesma, que consta
dunha plataforma de ferro, tamén rectangular, que se encaixa nun
oco das mesmas dimensións previsto na base. Sobre esta vai unha
peza en forma de «L» que apoia na plataforma polo brazo máis
curto e ancho quedando o máis longo e estreito paralelo e ergueito
da superficie. Neste articúlanse diferentes mecanismos que imprimen
ás agullas de coser un movemento ascendente-descendente proporcionado
manualmente por medio dunha roda radiada, paralela e vertical ao brazo
curto, cunha manivela xiratoria e pregable arredor dun puño de
madeira axustado nun extremo dela.
Utilización:
Emprégase para coser roupa e pezas pequenas
de panos. Polo seu deseño e construción é móbil
e transportable, axustándose ao tipo de traballo específico
das costureiras, de carácter máis nómade có
dos xastres.
Ferro de pasar
Descrición:
Utensilio de ferro coa base lisa e pulida, de forma
triangular cos lados maiores lixeiramente convexos. Dispón dunha
asa cilíndrica de ferro horizontalmente disposta, suxeita á
base metálica por dúas láminas, tamén de ferro,
soldadas á mesma e dispostas perpendicularmente á base do
instrumento.
Utilización:
Utensilio que serve para eliminar as engurras dos
tecidos por acción do peso do instrumento e a aplicación
de calor localizado.
Ferro de pasar
Descrición:
Utensilio de ferro coa base lisa de forma triangular
cos lados maiores lixeiramente convexos. Esta parte forma un corpo ou
recipiente cunha abertura na parte posterior tapada cunha trapela (hoxe
só se conserva o gonzo e unha pequena latiña) por onde toma
o aire para a combustión das ascuas e brasas vivas que se introducen
no interior pola parte superior. Este corpo, aberto por riba, tápase
cunha fina prancha da mesma figura e material có corpo inferior;
consta dunha asa de madeira horizontalmente disposta e suxeita á
tapa por dúas láminas, tamén de ferro, soldadas á
mesma e dispostas perpendicularmente á base. Na parte dianteira
deste corpo leva un conduto para a saída de fumes, de sección
triangular a xeito de cheminea coa boca circular e ladeada. Toda esta
parte xoga nunha bisagra no lado menor da peza triangular e asegúrase
por diante cunha panca xiratoria que move unha lingua na parte interna
axustando nun pasador do ángulo dianteiro.
Utilización:
Utensilio que serve para eliminar as engurras dos
tecidos por acción do peso do instrumento e aplicación de
calor localizado.
|
|
|
|
|
VI. Pechos e chaves
Chaves
Descrición:
Utensilio metálico, de ferro, composto fundamentalmente
por tres partes: ollo, hastil e paletó. O primeiro, de forma oval,
serve como empuñadura do instrumento e permite facer xirar o hastil
(barriña que media entre o ollo e o paletó, cilíndrica
e alongada con tres aros a xeito de toros xusto na unión co ollo)
xunto co paletó, parte do utensilio de forma rectangular e plana
con cinco entalladuras a xeito de dentes de serra na que se forman as
gardas (ocos ou rodapranchas) por onde pasa o rodete da pechadura deixando
xirar o instrumento e correr a/as lingüeta/s de seguranza do pecho.
Utilización:
Emprégase para facer correr as lingüetas
das pechaduras para abrilas ou pechalas, xeralmente as das portas de entrada
dos patios nas casas rurais.
Pechadura
Descrición:
Peza de ferro composta por unha placa cuadrangular
na que se dispón unha caixa cadrada por un lado e circular por
outro que contén un mecanismo de resortes que por medio dunha chave
fai mover unha lingüeta que se introduce nun buraco ao efecto no
batente das portas.
Utilización:
Emprégase como mecanismo para pechar portas
do exterior dos edificios.
Petador
Descrición:
Peza metálica composta por unha prancha de
ferro de formas xeométricas. Dispón na parte inferior dun
taco de ferro forxado para recibir os golpes do petador, peza esta tamén
de ferro forxado con forma de «S» e con decoracións
xeométricas. Dispón o instrumento dunha barra de ferro que
perfora a sección da porta para aseguralo cunha rosca para inutilizar
o movemento do petador ou mesmo para resgardalo de posibles roubos.
Utilización:
Úsase para petar e chamar nas portas de entrada
das casas.
Petador e picaporte
Descrición:
Consiste nunha panca ou pasador de ferro, longo
e ancho, que vai pola parte interna da porta e se fai xirar arriba e abaixo
desde fóra por medio dunha manicela piriforme a través dun
eixe que move o pasador. Entre esta e a aldraba leva unha prancha decorativa
de ferro (espello) que se aplica pola parte exterior. Ten formas arbitrarias
de carácter xeométrico. Este leva un anaco cuadrangular
de ferro forxado aplicado na parte inferior do espello contra o que se
bate a manicela, articulada nun eixe de xeito que actúa ao mesmo
tempo de pica-porte ou petador.
Utilización:
Peza que se aplica nas portas e serve como pecho
ao tempo de petador ou chamador.
Tranca (Ferrollo)
Descrición:
Dispositivo de seguridade que consta dunha barra
de ferro longa e forte (pasador) que se coloca transversalmente sobre
a superficie dunha porta suxeitada cunhas argolas nas que xira e se despraza
horizontalmente. Dispón dunha manicela de ferro con pomo do mesmo
material cunha argola no extremo inferior para introducir na regaña
da pechadura.
Utilización:
Emprégase para asegurar portas de grandes
dimensións e peso polo exterior coma se dunha pechadura se tratase.
|
|
|
|
|
|