|
|
|
A MENTALIDADE: RELIXIÓN, EDUCACIÓN E EMIGRACIÓN
I. Obxectos relixiosos Cadro devocional
Descrición:
Texto litúrxico encadrado por formas decorativas
de carácter arquitectónico de estilo gótico flamíxero
con gran profusión de decoración de arcos oxivais, pináculos
dentados, óculos cuadrifolios, columnas estriadas de gran desenvolvemento
vertical e motivos vexetais que enmarcan un gran arco oxival no que se
contén o texto. Dende o punto de vista cromático apréciase
unha gran profusión de colorido prateado e dourado xunto co vermello,
azul e morado, de tons vivos e brillantes. O texto vai flanqueado por
dúas figuras humanas en tons prateados: á dereita a representación
de San Marcos Evanxelista, vestido con túnica talar e manto, sobre
unha peaña dourada sostida pola cabeza dun león. Leva como
atributos un rolo de pergamiño na man esquerda e unha pluma na
dereita. Preséntase como home maduro, con barba. Á esquerda
unha figura feminina, nova, coa cabeza ladeada, vestida con túnica
talar e manto sobre unha peaña dourada sostida por unha aguia.
Leva como atributo un rolo de pergamiño sostido con ámbalas
dúas mans. A lámina vai encadrada nun marco de madeira protexido
con cristal. O marco vai decorado con bandas en relevo consistentes en
restras de motivos vexetais (flores, pólas e froitas de diversos
tipos)...
Utilización:
Cadro empregado como motivo de devoción,
adoración e culto para recitar o seu texto na misa de defuntos
e no tempo da Paixón.
Confesionario
Descrición:
Moble de madeira a xeito de cadeira que consta dunha
táboa rectangular (146,5 x 46 cm) disposta verticalmente e enfeitada
na parte superior cunha moldura semicircular. No centro da táboa
leva unha abertura, a xeito de fiestra, cunha celosía ou grade
feita con láminas de madeira entrecruzadas e dispostas de xeito
diagonal. A mesma táboa serve como pé da cadeira. Pola outra
banda ten un asento cuadrangular (55,5 x 48,5 cm) unido á táboa
vertical e sostido por dúas patas prolongadas en altura sobre as
que repousa un brazo de madeira decorado cunha voluta nun extremo e prolongado
por detrás a xeito de costas conectando coa táboa vertical
que, baixo a fiestra, e á mesma altura do outro brazo, dispón
dunha peza de madeira en forma de arco que actúa como outro brazo
da cadeira.
Utilización:
Emprégase como moble dedicado a escoitar
a confesión sacramental na liturxia cristiá.
Confesionario
Descrición:
Moble de madeira con forma paralelepípeda.
A parte frontal componse dunha porta de entrada dividida en dúas
metades, unha inferior, grande e totalmente opaca, e outra superior máis
pequena (poxigo); esta leva no centro unha abertura a xeito de fiestra
(49,5 x 36,5 cm) cunha celosía ou grade feita con finas láminas
de madeira, entrecruzadas e dispostas de xeito diagonal. Ámbalas
follas da porta péchanse por fóra cun taco de madeira xiratorio
nun eixe de ferro (tarabelo). Remata a parte dianteira nunha peza de madeira
de forma triangular (a modo de tímpano ou frontón arquitectónico)
co cume substituído por unha peza semicircular, formando todo un
só conxunto, situado enriba da porta. Os paneis laterais levan
así mesmo unha abertura a xeito de fiestra máis pequena
cá de diante (21,5 x 25 cm) con celosías feitas da mesma
forma cá anterior. Levan na parte superior dous colgantes en cada
unha, empregados para soportar unha cortina pequena. No interior dispón
dunha táboa que cruza a cabina de lado a lado a xeito de banco
ou asento; e baixo as fiestras, unha peza de madeira en forma de arco
que serve como apoiabrazos para o confesor. O moble repousa en dous listóns
de madeira dispostos ao longo dos lados menores da cabina.
Utilización:
Emprégase para escoitar a confesión
sacramental da liturxia cristiá.
Pía
Descrición:
Recipiente de pedra de gra, cóncava por dentro,
en forma de tronco de cono invertido, de labra ruda e desbastado sinxelo.
Utilización:
Emprégase nas igrexas parroquiais para conter
auga bendita, persignarse e administrar o sacramento do bautismo.
Reclinatorio
Descrición:
Moble de madeira que, visto lateralmente, ten figura
de L composto por dúas pezas básicas: unha vertical e outra
horizontal que forma ángulo de 90º. A vertical componse de
dúas táboas paralelas ensambladas nunha estrutura en forma
de cruz latina, que ao tempo de servir funcionalmente como reforzo do
conxunto da peza vai adornada con diversas molduras de carácter
xeométrico; sobre esta estrutura ensámblase outra táboa
máis curta en ángulo inclinado transversalmente para apoio
dos antebrazos na postura de xenuflexión do corpo humano. A horizontal,
de menor altura, é unha peza móbil, paralela ao chan, formada
por unha estrutura de madeira con dous pés no extremo saínte
e dous listóns para introducir en senllas canles na parte inferior
da peza vertical, formando catro apoios na base do moble. Sobre esta peza
disponse unha táboa ancha posta de plano para axeonllarse.
Utilización:
Emprégase nas igrexas para axeonllarse con
comodidade e adoptar a posición apropiada para o rezo.
San Xosé
Descrición:
Imaxe escultórica de San Xosé de inspiración
claramente románica en canto a talla e barroca en canto a policromía.
Iconograficamente identifícase como San Xosé polo seu aspecto
de home maduro (tradición de orixe trentina) e representado calvo
e con barba, de clara filiación medieval. Dende o punto de vista
estilístico correspóndese o rústico da talla coa
técnica dos carpinteiros e tallistas rurais metidos a labores non
propios da súa aprendizaxe. Responde á tradición
medieval (románica) de proporcións, coa cabeza grande de
máis respecto do canon xeral do corpo. Rostro con beizos grosos
pintados de vermello, ollos avultados e meixelas inchadas, aspectos estes
traballados con gran esquematismo e sinxeleza de formas, o mesmo có
tratamento da barba e o cabelo, con grandes e profundas incisións,
mostrando todo o conxunto da imaxe unha inexpresividade grande. O corpo
redúcese a un cilindro que mostra unha indumentaria con panos tratados
con gran dureza e profundas incisións na madeira a xeito de pregamentos
ou dobras da roupaxe ocultando as estruturas corpóreas; é
notoria a falta total e absoluta de modelado. Toda a figura está
montada sobre unha peaña no mesmo bloque do material, facendo conxunto
coa figura. A inspiración barroca acúsase na policromía
empregada, tanto na carnación do rostro e mans coma na roupaxe
(mantos e esclavina), pintados con cores discretas coma castaño,
verde oliva ou amarelo escuro ou dourado na esclavina, que tratan de arremedar
os ricos dourados das imaxes relixiosas do século XVII ou XVIII,
cos medios primitivos con que contaban os tallistas das aldeas. É
unha imaxe de devoción ideada para pendurar dunha parede, polo
que só está traballado o frontal e laterais, é dicir,
as partes visibles, estando o dorso sen apenas desbastar, cun pequeno
oco diagonal na parte superior traseira para axustalo a un soporte de
parede, aínda que tamén se pode pousar sobre unha superficie
lisa.
Utilización:
Emprégase como imaxe devocional e de culto
nas igrexas rurais.
Candeeiro
Descrición:
Consta de catro pezas encaixadas entre elas por
medio de roscas. De arriba abaixo: un cilindro oco que serve para introducir
e soster a candea; unha especie de palmatoria, sen asa, para recoller
os residuos da combustión disposta horizontal e transversalmente
ao sentido da columniña; fuste composto por dúas pezas enroscadas
entre si e ao mesmo tempo ao pé, de forma triangular, configurado
con resaltes nos seus vértices que actúan a xeito de alzas.
Tanto o cilindro coma o fuste van torneados facendo entrantes e saíntes
con diversas formas de carácter puramente xeométrico traballadas
a torno, mentres que a base, dunha soa peza, é produto de fundición
da que conserva na súa parte interna os estigmas dos moldes.
Utilización:
Emprégase para iluminar. Utensilio que serve
para manter a vela ou candea dereita.
Candeeiro
Descrición:
Consta de catro pezas ben delimitadas encaixadas
entre elas por medio de roscas. De arriba abaixo: un cilindro oco de gran
sinxeleza que serve para introducir e soster a candea ou vela; unha pequena
cunca en forma de campá invertida, decorada na súa base
con motivos vexetais estilizados, empregada para recoller os residuos
da combustión da candea; baixo esta, columna de fuste estriado
e sección de diámetro crecente cara a abaixo que remata
nunha basa de corte clásico na que terma media esfera decorada
con motivos vexetais aínda de maior estilización cós
anteriores; estas pezas aséntanse sobre a base do candeeiro, peza
en forma de pirámide truncada, de tres lados, coas arestas chafranadas
e as caras cóncavas, percorridas na parte superior por un friso
decorado con motivos gravados, vexetais e xeométricos. Cada esquina
da base da pirámide está decorada con follas de acanto de
carácter naturalista rematadas na súa parte superior en
pequenas volutas, e en grandes na inferior, que ao mesmo tempo cumpren
a función de sobreelevar o candeeiro do chan. As caras da pirámide
forman un marco que no seu centro se atopa afundido e decorado na superficie
con motivos vexetais do que sobresaen en técnica de mediorrelevo
os bustos de Xesucristo, Santa María e San Xosé (o grupo
da Sagrada Familia) todos coa aura de santidade ademais dos seus atributos
iconográficos específicos.
Utilización:
Iluminación. Utensilio que serve para manter
a candea ou vela dereita.
Farol
Descrición:
Caixa de folla de lata de forma paralelepípeda
coas paredes do mesmo material, provista dunha asa na parte superior para
o seu transporte e unha portiña que permite o acceso ao interior
e que pecha cunha sinxela caravilla. A caixa está formada por tubos
ocos soldados polos seus extremos e pintados de cor branca. As paredes
son de folla de lata pintadas de cor azul celeste; os lados maiores levan
dúas fiestras con forma de arco de medio punto sobre o que repousa
un óculo, ámbolos dous elementos están pintados con
tons dourados; entre as fiestras unha custodia dourada cunha lámina
de cristal no centro. Os lados menores levan unha soa ventá, tamén
de arco de medio punto co óculo inscrito na semicircunferencia
e con parteluz, partes todas en tons dourados. Cada unha das paredes leva
decoración vexetal trifoliada nos ángulos. O teito, a catro
augas, está formado por láminas de folla de lata imitando
as tellas de cor vermella; remata en tres pináculos (fáltalle
un) de latón; baixo este leva unhas láminas con pequenas
perforacións para a saída dos fumes da combustión,
con motivos xeométricos e factura artística. No interior
leva dúas palmatorias de forma lobulada para soster as candeas.
Utilización:
Iluminación.
Cruz arcebispal (patriarcal)
Descrición:
Obxecto relixioso formado por un pé e dous
traveseiros paralelos de lonxitude desigual que forman catro brazos cos
estremos máis anchos en figura de cáliz floral (litúrxico
por analoxía). A parte frontal, de arriba a abaixo, está
decorada con diversos signos, motivos e figuras alusivas á temática
relixiosa: arriba o texto «INRI» (I[esus)] N[azarenus] R[ex]
I[udeorum]) inscrito en relevo nunha cartela enfeitada; máis abaixo
a figura de Cristo crucificado, en medio relevo, pegada á superficie
da cruz, coas mans cravadas nos extremos do brazo máis curto e
elevado da cruz, prolongando o corpo, espido, só co pano de pureza
máis abaixo do brazo transversal máis longo da cruz. Este
á súa vez leva en cada extremo un símbolo: á
esquerda «IHS» cunha cruz voada (I[esus] H[ominis] S[alvatore])
e á dereita un «M» maiúsculo cruzado por un
«A» tamén maiúsculo, anagrama de A[ve] M[aría].
Máis abaixo a representación en medio relevo, pero formando
parte da estrutura da cruz, a representación de María Inmaculada,
en actitude orante, cuberta co manto e disposta sobre a representación
estilizada dunha media lúa; vai flanqueada, fóra da estrutura
da cruz, por dous anxos tenantes (de canon moito máis grande cá
Virxe) termando da parte inferior. Na base da cruz leva a figura dunha
caveira cruzada en aspa por dúas tibias, símbolo do sufrimento
no monte do Calvario. Todo o perímetro da cruz vai percorrido por
un sogueado como motivo decorativo. O dorso leva diferentes ocos, de variadas
formas: ovais, circulares, trifoliados... que aínda conservan pequenas
almofadas onde posiblemente se engastaron pedras e esmaltados de diferentes
cores, hoxe non conservados.
Utilización:
Emprégana os arcebispos e altas dignidades
eclesiásticas como elemento de distinción do rango, levándoa
pendurada do pescozo por unha cadea que pasa polo orificio que leva a
cruz no cume.
Estola
Descrición:
Tira de seda de cor morada pola cara exterior e
cincenta pola interior. Está decorada con apliques de tea amarela
tecidos con fíos dourados (hoxe descoloridos) e decorados con motivos
de carácter relixioso (cruces, restras de uvas...) en relevo. A
tira de tea alóngase e faise máis ancha nas extremidades.
No centro da cara exterior da peza leva unha cruz de brazos anchos formada
pola superposición de dous anacos da mesma tea amarela e cos motivos
anteriores; polo interior e na mesma disposición leva cosido un
fiador (cordón de fíos claros e retortos forrados cunha
tea de cores, amarela e morada facendo xogo coas cores principais do conxunto)
para asegurar a peza e evitar a caída e perda.
Utilización:
Emprégase como complemento decorativo da
indumentaria litúrxica que empregan os cregos para misar, colgándoa
do pescozo e suxeitándose en moitos casos baixo a casula co cordón
(fiador) disposto para o caso.
Sombreiro de crego
Descrición:
Especie de chapeu de feltro, de cor negra, formado
por unha aba oval de non moito desenvolvemento e unha copa esférica.
Utilización:
Emprégana os cregos para cubrir a cabeza
e a cor negra fai xogo coa indumentaria de rúa (sotana, calzado,
etc.).
Peto de esmolas
Descrición:
Hucha de madeira de forma rectangular cunha fenda
na tapa superior para botar as moedas e unha porta corrediza na parte
traseira encaixada nunhas guías para recoller os cartos. Por tras
leva unha táboa que alza por riba da estrutura da caixa rematando
en arco de medio punto; o frontal desta parte vai decorado con motivos
relixiosos: un ostentorio ou custodia dourado (hoxe perdeu parte desa
cor) co óculo pintado en branco semellando unha lámina de
cristal, peza tallada en mediorrelevo sobre unha superficie apincarada
con pequenas incisións de punteiro na madeira ao natural. Este
conxunto decorativo vai enmarcado con decoración de carácter
arquitectónico tamén labrada en mediorrelevo: nos laterais
un par de columnas de fuste liso (con basa, pedestal, toro e capitel)
que «terman» ficticiamente dun arco de medio punto co intradorso
festonado, axustado á forma semicircular da táboa. Por tras
leva unha asa de madeira para transportalo e pasalo por entre a freguesía.
Utilización:
Emprégase para recibir esmolas e ofrendas
para repartir cos pobres e colaborar no mantemento da igrexa, restauracións
do templo e imaxes relixiosas, etc.
Tenaces de facer hostias
Descrición:
Instrumento de ferro constituído por dous
brazos longos de sección cuadrangular unidos por un eixe e cruzados
en aspa. Remata nun extremo en dúas pranchas poligonais (rectangulares
cos ángulos chafranados) que axustan de plano cando se pecha o
instrumento. Unha delas está gravada a burel na parte interna con
catro círculos, dous grandes (8 cm de diámetro) que ocupan
a totalidade da prancha e dous pequenos (2,5 cm) centrados entre os grandes.
Todos eles levan inscritos en baixorrelevo unha cruz latina. A cara interior
da outra prancha está totalmente lisa. O extremo oposto, ao final
dos mangos, leva un fiador ou argola de seguranza para pechar o instrumento
e evitar a súa apertura.
Utilización:
Emprégase para facer as hostias de pan asmo
ao premer a pasta de masa entre as dúas pranchas dándolle
a forma circular coñecida, coa impresión da cruz.
| |
II. A escola
Carteira
Descrición:
Pequena caixa de madeira de forma rectangular con
apertura en dúas seccións das mesmas dimensións.
Vai provista con asa de folla de lata e un pecho do mesmo material. A
posteriori dispúxoselle, para maior seguridade, un cáncamo
(o outro que tiña en orixe non se conserva) para pechar a carteira
cun cadeado ou dispositivo similar.
Utilización:
Emprégase para gardar e levar á escola
os libros, cadernos, pizarras e todo o material preciso para os labores
escolares.
Pupitre
Descrición:
Moble de madeira formado por unha tarima de táboas
sobre a que se dispón, por detrás, un par de asentos coas
costas montadas nun eixe de madeira para pregalos cando conveña.
Diante leva unha táboa de plano inclinado para facilitar a escritura.
Esta, na parte frontal, dispón dunha regaña, que percorre
a táboa lonxitudinalmente, para pousar os instrumentos para escribir
(bolígrafos, plumas, lapis, etc.) e dun oco circular no centro
xeométrico do lado maior para encaixar un tinteiro (de metal ou
de cristal).
Utilización:
Emprégase como moble escritorio nas aulas
dos colexios.
| |
III. A emigración
Baúl
Descrición:
Gran caixa rectangular de madeira recuberta con
pel, de cor negra polo exterior, con apertura en dúas seccións
de iguais dimensións. Vai provista de grandes e fortes ferraxes
de metal, o mesmo ca nos ángulos das caixas que conforman o obxecto,
reforzadas con contrafortes do mesmo material. O interior atópase
dividido en compartimentos con diferentes usos: mentres que unha das seccións
da caixa está totalmente dividida en gabetas de diferente altura,
en función dos obxectos que se van gardar, e igual profundidade,
que coincide co fondo da caixa. O seu interior vai revestido con papel
decorado con motivos abstractos, en tanto que o exterior leva pranchas
de formica embelecendo o conxunto. A outra sección atópase
libre coa tapa superior móbil, xogando nun par de bisagras, para
permitir pendurar roupa longa nunhas barras retráctiles, de latón
sobrechapado, no canto superior dela, do mesmo xeito ca un armario fixo.
Utilización:
Emprégase para gardar roupa, calzado e outras
pertenzas. Está especialmente deseñado para o transporte
deste tipo de obxectos durante unha longa viaxe.
Maleta
Descrición:
Caixa de madeira de xeito rectangular con apertura
en dúas seccións, a inferior de maior profundidade. Vai
provista dunha asa de folla de lata e dun pecho de presión. Os
ángulos das caixas que conforman o obxecto van reforzados con contrafortes
de folla de lata remachados na madeira de soporte.
Utilización:
Emprégase para gardar a roupa e outros obxectos
persoais durante unha viaxe.
Maleta
Descrición:
Caixa de cartón forrada polo exterior con
enxeu, de cor beixe con dúas bandas de cor (vermella e verde),
e forma rectangular con apertura en dúas seccións, a inferior
de maior profundidade. Vai provista dunha asa de coiro e dous pechos externos
con senllas presillas e pechaduras. Os ángulos das caixas van reforzados
con contrafortes de folla de lata, material tamén empregado en
dous espigóns, nos laterais, como seguranza da estrutura.
Utilización:
Emprégase para gardar a roupa e outros obxectos
persoais durante unha viaxe.
| |
|
 |