|
||||||
| Sirvan estas liñas como presentación do Museo de Antropoloxía e Etnografía que alberga a Fundación Sotelo Blanco. | ||
| O material que se recolle nesta páxina está dedicado ó home labrego e, máis concretamente, centrámonos na vida dos labregos da Galicia interior. Moitos dos trebellos, así como todo tipo de utensilios da casa, pertencen á Terra de Caldelas, unha comarca ourensá da montaña que pode ser representativa da vida que levaron os homes do campo tanto na provincia de Ourense coma na de Lugo, porque tamén parte do material se recuperou nas terras de Sarria e tamén na zona dos Ancares. Somos conscientes, polo tanto, de que nos falta moito camiño por percorrer na procura de recupera-lo material suficiente como para que o noso Museo estea representada non só a Galicia interior senón toda Galicia, sen esquecer por suposto os homes do mar, ós que queremos dedica-lo espazo que eles merecen. Do mesmo xeito, e aínda que xa está representado parcialmente, queremos ampliar o espazo dedicado ó mundo da emigración, mundo no que, por desgraza, tanta participación tivo a xente de Galicia, incluído, como non, o que redacta estas liñas.
|
A transformación
de Galicia, e moi especialmente do mundo rural, foi brutal nos útimos
tempos. Nese paso da tradición á «modernidade»
quedaron atrás moitas cousas. Coa chegada do tractor elimináronse
os arados tradicionais e unha chea de ferramentas que durante séculos
utilizou a nosa xente. Benvido o progreso e a chamada modernidade, pero
non consintámo-la eliminación repentina das ferramentas e
os trebellos que ó longo de tanto tempo conformaron un xeito de ser,
modelaron toda unha cultura campesiña e en definitiva uns sinais
diferenciais que constitúen a identidade dun pobo.
A idea que nos serviu de guía para levar a cabo a instalación deste Museo non foi outra cá de recuperar e conservar estes vellos utensilios dos campesiños. Recuperalos e, no posible, facelos funcionar para amosarlles ás novas e futuras xeracións como era a forxa dun ferreiro, como se traballaba nos teares, as peripecias que pasaba o muiñeiro picando as pedras ou pondo en marcha o muíño ó abri-la tufela, distintas formas que tiñan de facer un queixo nas aldeas, como era unha lareira, na que tantas horas pasaban os nosos antepasados, como era unha adega, etc. En definitiva, pretendemos que o noso traballo non se reduza a recuperar catro pezas e amontoalas nuns almacéns. Pretendenmos que sexa un museo moderno e, no posible, didáctico. Non é fácil pero estamos convencidos de que a ilusión vai supera-las dificultades, porque somos sabedores e conscientes de estarmos contribuíndo á recuperación da memoria colectiva dun pobo que está en marcha. Para calquera consulta poñerse en contacto: |
|
| |
||