|
OS OFICIOS TRADICIONAIS
I. Oficios de madeira Aixó
Descrición:
Ferramenta cortante con mango de madeira curto e
encurvado con gornición de protección para a man durante
o labrado feita de forma anatómica e ergonómica. Consta
dunha ancha folla (10 cm) de ferro aceirado, cortante, para desbastar
superficies amplas de madeira, suxeita á base do mango cunha cuña
ou tilla de madeira e unha mordaza de ferro.
Utilización:
Ferramenta que se emprega fundamentalmente para
desbastar a madeira.
Aixola
Descrición:
Instrumento de ferro cun mango curto de madeira
encaixado nun burato circular na base de ferro. Consta dunha folla curva
de ferro, cortante polo extremo máis ancho (12 cm) para desbastar
superficies amplas de madeira.
Utilización:
Instrumento que serve para labrar a madeira despois
de serrada e desbastada coa machada e o aixó.
Berbequí
Descrición:
Instrumento para facer buratos que consiste nunha
manivela xiratoria arredor dun puño de madeira axustado nun extremo
e outro fixo no extremo oposto para suxeitalo mentres se acciona, para
o que tamén dispón na parte superior dunha «muleta»
para apoiar e facer forza. No extremo inferior leva unha boca móbil
e axustable para introducir trades ou pugas helicoidais de diversos diámetros.
Utilización:
Emprégase para facer furas en diversos materiais,
xeralmente madeira, de diversos diámetros e dimensións segundo
a puga que se utilice.
Bedano
Descrición:
Ferramenta de carpinteiro feita de ferro aceirado
con mango máis ou menos cilíndrico duns corenta centímetros
de longo e sección de 1,5 cm en cadro con boca formada por un bisel
curvo e afiado.
Utilización:
Emprégaa o carpinteiro para labrar e facer
furas na madeira a golpe de mazo ou macico.
Cepillo
Descrición:
Ferramenta de carpinteiro consistente nun prisma
cuadrangular de madeira atravesado de arriba a abaixo de xeito diagonal
por unha coitela de aceiro biselada no extremo inferior, que sobresae
un pouco por unha regaña practicada transversalmente na base do
instrumento e suxeitada e regulada en profundidade cunha cuña de
madeira na entrada superior.
Utilización:
Emprégase para alisar a madeira pasándoo
repetidamente por arriba dela despois de serrala.
Cepillo acanalador
Descrición:
Ferramenta de carpintería consistente nun
prisma cuadrangular de madeira atravesado de arriba a abaixo de xeito
diagonal por unha estreita coitela de ferro aceirado, biselada no extremo
inferior e saínte un pouco por unha regaña practicada transversalmente
na base do instrumento, suxeitada e regulada na profundidade do corte
cunha fina cuña e longa de madeira na parte superior.
Utilización:
Emprégase para alisar a madeira ao tempo
de facer estrías e canais nela con diversos fins e usos.
Cepillo acanalador
Descrición:
Ferramenta de carpinteiro que consiste nun prisma
cuadrangular de madeira coa base do corte formada por dúas pezas
de madeira, unha en cada lado do instrumento que o percorren lonxitudinalmente.
Está atravesado de arriba a abaixo de xeito diagonal por dúas
estreitas coitelas de aceiro, unha composta por dúas puntas biseladas
con entrante en forma de «U» que se axusta á forma
da madeira na que se encaixa e outra cunha soa punta tamén biselada
e axustada no lado oposto nun carril de ferro. Ámbalas dúas
coitelas suxéitanse e regúlanse por dúas grandes
cuñas de madeira na parte superior.
Utilización:
Emprégase para facer canais na madeira, por
un lado machos (saíntes) e polo outro femias (entrantes), para
facer pezas que se encaixan e ensamblan unhas nas outras.
Cepillo de media cana
Descrición:
Ferramenta de carpinteiro que consiste nun prisma
cuadrangular de madeira atravesado de arriba a abaixo de xeito diagonal
por unha coitela de ferro aceirado que sobresae por unha regaña
transversal na base do instrumento e suxeitada e regulada na profundidade
de corte cunha cuña de madeira. Ten un deseño especial na
base, en figura de bocel, que se traduce no labrado en forma de media
cana.
Utilización:
Emprégase para facer molduras decorativas
cóncavas na madeira en forma de media cana.
Cepillo de moldura
Descrición:
Ferramenta de carpintería que consiste nun
prisma cuadrangular de madeira con puño na parte superior traseira,
coa base do corte curvada e atravesado de arriba a abaixo de xeito diagonal
por unha coitela de aceiro coa punta da mesma sección curvada cá
base da que sobresae por entre unha regaña transversal practicada
nela.
Utilización:
Emprégase para facer molduras lisas de forma
cilíndrica na madeira para traballos especiais de decoración
e adobío de madeira. Uso específico en ebanistería.
Cepillo de volta
Descrición:
Ferramenta de carpinteiro consistente nun prisma
cuadrangular de madeira curvado e volteado pola base e atravesado de xeito
diagonal por unha coitela de aceiro biselada no extremo inferior que sobresae
un pouco por unha regaña practicada transversalmente na base do
instrumento e suxeitada cunha cuña de madeira na entrada superior.
Utilización:
Emprégana tanto o carpinteiro coma o cubeiro
para alisar a superficie da madeira e facer traballos especiais pasándoa
repetidamente por riba dela.
Compás
Descrición:
Instrumento formado por dous brazos afusados, unidos
por arriba cun eixe ou caravilla e culminados nos extremos en senllos
cravos de ferro.
Utilización:
Empregábao o carpinteiro para compasar (tomar
medicións co compás) e trazar, riscando, círculos
de diversos diámetros.
Compás de vara
Descrición:
Instrumento de carpintería feito de madeira.
Componse dunha regra que leva ensamblado nun dos extremos unha peza de
madeira fixa configurando unha figura de «L» cun cravo no
extremo que actúa de pivote e outra peza móbil ao longo
da regra cunha fina punta que serve para tomar medidas e tamén
para trazar arcos e circunferencias de gran diámetro.
Utilización:
Emprégase para trazar curvas regulares de
gran diámetro, arcos e circunferencias e para tomar distancias
en traballos de carpintería.
Escuadra
Descrición:
Instrumento de carpintería feito de madeira,
composto por dúas regras, unha de maior ancho na que se ensambla
a outra formando un ángulo de 90º. .
Utilización:
Emprégao o carpinteiro para trazar ángulos
rectos.
Garlopín
Descrición:
Ferramenta de carpintería que consiste nun
prisma cuadrangular de madeira con puño do mesmo material na parte
traseira superior atravesado, de arriba a abaixo e de xeito diagonal,
por unha coitela de aceiro que sobresae por unha regaña transversal
na base do instrumento suxeitada cunha cuña de madeira que ademais
serve como reguladora da profundidade de corte da coitela.
Utilización:
Emprégase para alisar a madeira pasándoa
repetidamente por arriba dela despois de cepillada, especialmente nas
xunturas das táboas.
Gramil
Descrición:
Peza de madeira formada por dous listóns
de madeira de sección cadrada que atravesan transversalmente unha
táboa rectangular por senllos furados da mesma sección estando
axustados por unha cuña que atravesa esta táboa polo medio
do canto en sentido perpendicular en medio dos listóns. Estes pódense
mover e axustar en función da lonxitude ou ancho da recta paralela
que se pretenda trazar, para o cal levan no extremo senllas puntas afiadas
para riscar a superficie a marcar.
Utilización:
Instrumento do carpinteiro que serve para trazar
liñas paralelas a unha superficie dada riscando sobre a madeira
cunha punta que dispón cada un dos listóns que atravesan
a superficie da táboa que se toma como guía para facer as
escuadras e tomar as medidas.
Rebate (Rebaixador)
Descrición:
Ferramenta de carpinteiro consistente nun prisma
cuadrangular atravesado de arriba a abaixo de xeito diagonal por dúas
coitelas de aceiro: unha biselada no extremo inferior e inclinada a uns
corenta e cinco graos, saíndo un pouco a rentes da superficie inferior
por unha regaña practicada transversalmente na base do instrumento
e suxeitada cunha cuña de madeira na entrada superior. A outra,
moito máis estreita, suxéitase tamén cunha cuña
e unha prancha de madeira que percorre o instrumento lonxitudinalmente
suxeitada a el con dúas roscas de ás.
Utilización:
Emprégase para rebaixar os ángulos
dunha peza de madeira ao tempo de alisar a superficie pola que pasa.
Serra
Descrición:
Instrumento cortante formado por unha peza de ferro
plana e en figura de «U» ancheada pola base e unha longa cinta
de aceiro, dentada pola cara exterior, axustada nos extremos libres nos
que vai montada e tensada por unha rosca de ás. Os lados menores
van gornecidos con cachas de madeira que actúan como mangos para
que os accionen dúas persoas.
Utilización:
Emprégase xeralmente para cortar táboas
ou troncos de madeira, aínda que tamén serve para outros
materiais.
Trade
Descrición:
Instrumento xiratorio de carpinteiro, de ferro,
cilíndrico, co terzo inferior en forma helicoidal de punta aguda
e aparafusada, axeitado para abrir buracos na madeira. A cabeza fórmaa
un aro ou forte anel por onde se introduce un torno cilíndrico
de madeira ou ferro para imprimirlle o movemento xiratorio á ferramenta.
Utilización:
Emprégao o carpinteiro para abrir buracos
circulares, xeralmente na madeira, aínda que serve para outro tipo
de materiais ou superficies duras.
Bedano
Descrición:
Ferramenta especial de torneiro de aceiro con dous
fíos, un estreito e curvado por un extremo e polo outro máis
ancho e biselado, feita toda nunha soa peza.
Utilización:
Instrumento empregado para labrar a madeira por
fricción e rozamento ao aplicarlle a punta afiada a un anaco de
madeira que xira nun eixe do torno.
Pedra de afiar
Descrición:
Utensilio para axustar no torno composto dunha pedra
circular áspera, dura e abrasiva en torno a un eixe de ferro de
sección cuadrangular empregada para afiar as ferramentas e desgastar
os metais.
Utilización:
Instrumento complementario do torno de carpinteiro
empregado para afiar as diferentes ferramentas e apuntar outros obxectos
de metal.
Roda de pulir
Descrición:
Ferramenta especial de torneiro composta por unha
roda de madeira disposta en torno a un eixe de ferro de sección
cuadrangular, empregada para pulir madeira e perfeccionar a labra das
trenchas e bedanos por fricción co material.
Utilización:
Instrumento empregado para pulir a labra da madeira
por fricción e rozamento ao aplicarlle a roda un movemento xiratorio
friccionando contra a madeira labrada.
Trencha
Descrición:
Ferramenta especial de torneiro de aceiro; consta
dun mango cilíndrico do mesmo material e unha lámina máis
ancha e longa cunha boca formada por un bisel, feita toda nunha soa peza.
Utilización:
Instrumento empregado para labrar a madeira por
fricción e rozamento ao aplicarlle a punta afiada a un anaco de
madeira que xira nun eixe do torno.
Torno
Descrición:
Aparello que consiste nun banco, mesa de madeira
grande, coa parte superior fendida lonxitudinalmente. Nun lateral dispón
dunha gran roda (97 cm diám.) disposta verticalmente, composta
por unha armazón de madeira con seis radios, que se pon en movemento
por medio dun gran pedal articulado, axeitado para accionarse por unha
ou varias persoas. O movemento desta roda transmítese por unha
correa de coiro sen fin a outra roda máis pequena (22 cm diám.)
que vai na parte alta do aparello e que fai xirar, con rotación
continua, un eixe de ferro. Neste mesmo plano, na fendedura mencionada,
dispóñense dous tarugos de madeira, axustables ás
dimensións das pezas a tornear, suxeitos ao banco por baixo das
táboas con tillas de madeira que sosteñen uns pasadores
de ferro suxeitados a eles con senllos parafusos con rosca de ás.
Nesta mesma fenda acóplase un soporte móbil de ferro para
termar e apoiar as ferramentas (trenchas, bedanos e gubias) para traballar
no torno. Pola parte traseira leva arrimado un listón que deixa
un oco ao longo da súa lonxitude onde se introducen as ferramentas
axeitadas para o traballo da madeira no torno.
Utilización:
Aparello empregado para facer xirar unha peza de
madeira mentres se vai labrando e arredondando con outros instrumentos
(trenchas, bedanos, etc.).
Coitelo
Descrición:
Instrumento para facer vergas que consiste nunha
lámina de aceiro (2,5 cm de ancho), afiado por un dos lados maiores
e con dous mangos de madeira domeados cara ao lado en que ten o corte.
Utilización:
Emprégase para limpar a cortiza, fender a
madeira e facer as vergas de madeira de castiñeiro.
Torno
Descrición:
Banco rectangular cos lados maiores rebaixados de
xeito cóncavo para sentar a cachapernas. Enriba leva dous listóns
ensamblados en forma de escuadra quedando un deles horizontal e paralelo
á superficie do banco. Neste atópanse dúas pugas,
unha delas móbil ao longo dunha fenda lonxitudinal, entre as que
se axusta a peza que se quere tornear. Esta faise xirar por medio duns
cordeis que prenden no propio fuso, presos nos extremos libres por un
bastidor, táboa de madeira, con que se imprime manualmente á
peza un movemento de ida e volta mentres se traballa con gubias e coitelas.
Complemento do torno propiamente dito é unha coitela disposta transversal
e diagonalmente á superficie do banco incrustada a certa altura
nun lateral do listón vertical da escuadra e fixada nun segundo
listón paralelo de menor altura, empregado para preparar as pezas
de madeira para tornealas.
Utilización:
Emprégase case exclusivamente para facer
fusos e mangos de coitelos.
Serra de aire
Descrición:
Instrumento cortante formado por unha lámina
de aceiro, longa (2,10 cm) de anchura decrecente cara ao extremo e dentada
por un dos lados. Un extremo leva un mango transversal ao sentido do corte
para coller coas dúas mans e o outro vai ceibe. Como instrumento
complementario leva unha peza de ferro con mango de madeira, axustable
nos dentes da serra segundo a lonxitude da peza a serrar.
Utilización:
Emprégase para cortar troncos de árbores
e facer pezas de madeira axeitadas para traballar o carpinteiro como pontóns,
táboas, láminas, etc.
Tronzador
Descrición:
Instrumento cortante formado por unha longa lámina
de aceiro (1,50 m) curva e dentada polo corte, con dous mangos de madeira,
un a cada lado, no mesmo plano que a lámina cortante.
Utilización:
Emprégase polos serranchíns para serrar
árbores e madeira grosa en xeral.
Bastreu (Bastrén)
Descrición:
Instrumento cortante que emprega o zoqueiro composto
dunha armazón cuadrangular de madeira con dous mangos laterais
e a parte central furada pola base, onde se encaixa unha coitela de aceiro
moi afiada suxeitada con dous parafusos e dúas roscas de ás
que permiten axustala aos diferentes tipos de superficies.
Utilización:
Adóitase empregar tanto polo carpinteiro
coma polo zoqueiro para «limpar» e repasar a madeira e facer
pezas de forma curva como as das zocas e galochas.
Coitelo
Descrición:
Instrumento cortante para «limpar» madeira
que consiste nunha lámina de aceiro curvada e estreita (0,5 cm
ancho) afiada por un dos lados maiores e con dous mangos de madeira no
mesmo sentido lonxitudinal cá lámina para accionar de fóra
a dentro.
Utilización:
Emprégase para limpar e repasar as asperezas
das zocas despois de labralas coa aixola. Axúdase o zoqueiro para
o seu uso co prato debido a que ten as dúas mans ocupadas co instrumento.
Galocha
Descrición:
Calzado de coiro co piso de madeira. Consta dunha
sola de madeira, «pao», que leva enriba unha estrutura de
coiro en forma de bota e sen calcañar, suxeitada coa vira cravada
con puntas nunha regaña perimetral na que asenta a empeña
do corte. A sola, «pao», está ferrada con cravos de
ferro de cabeza redondeada. Para axustala ao pé leva uns cordóns
(amallós) que pasan por uns ollais, feitos de finas tiras de coiro.
Utilización:
Emprégase como calzado de traballo para o
tempo chuvioso pola súa resistencia e illamento do chan proporcionado
pola sola de madeira.
Gubia
Descrición:
Ferramenta de ferro aceirado de 30 cm de longo e
sección de 2 cm en cadro, con boca formada por un corte oblicuo
no bordo inferior a xeito de bisel.
Utilización:
Emprégase xunto co macico para facer buracos
na madeira, concretamente nas zocas labrando e baleirando o interior.
Llerga
Descrición:
Instrumento composto por unha peza de aceiro e un
mango cilíndrico de madeira axustado nunha prolongación
troncocónica e oca da peza de aceiro disposta para este fin. A
parte esencial da ferramenta é unha folla de aceiro domeada dun
xeito especial en forma de gancho coas beiras afiadas e cortantes.
Utilización:
O uso xeral é para escavar madeira e concretamente
emprégase para labrar interiormente a parte da zoca, zoco ou madreña
que corresponde á punta do pé.
Prato
Descrición:
Disco alongado de madeira con tres rebaixes na superficie
frontal: un central en forma de «U» para apoiar o tacón
da zoca e dous nos lados para apoiar a punta delas. Leva dispostos nos
laterais senllas correas de coiro, unha delas cunha fibela para suxeitar
o prato no peito amarrado polas costas do zoqueiro.
Utilización:
Emprégase para poñer no peito e suxeitar
as zocas durante o procedemento de limpeza das arestas co «coitelo»
e rebocador apoiando un extremo da zoca no peito e o outro nos xeonllos
e coxas, quedando ceibes as dúas mans para accionar coa coitela.
Rebocador
Descrición:
Especie de coitelo con mango curto de madeira e
folla de ferro aceirado moi afiado e de sección triangular.
Utilización:
Emprégase polos zoqueiros para limar e quitarlle
as arestas na base interna das zocas para que non manquen o pé.
Sola de galocha (Pao)
Descrición:
Sola de madeira, «pao», con forma cóncava,
axeitada á forma e ponte do pé; leva tacón de madeira
e unha regaña en todo o perímetro para asentar a empeña
do corte de coiro suxeitándose con cravos nela.
Utilización:
Emprégase como calzado de traballo durante
o tempo chuvioso pola súa resistencia e illamento do chan proporcionado
pola madeira.
Trade
Descrición:
Instrumento xiratorio composto por un fuste cilíndrico
de ferro e un mango de madeira. Leva nunha extremidade do fuste un punzón
en forma helicoidal de punta aguda; no extremo oposto dispón dun
mango de madeira xeminado, en forma de ás despregadas, para coller
coas dúas mans e imprimir un movemento de xiro.
Utilización:
Emprégase para abrir furados na madeira e
facer baleirado de bloques para facer zocas, madreñas, etc.
| | | |
II. Oficios do ferro e dos metais
Ferradura
Descrición:
Peza de ferro laminado en forma de semicírculo
prolongado. A prancha (0,5 cm de espesor e 2 cm de ancho) leva catro buracos,
de forma cadrada e biselados cara ao interior para introducir os cravos
de suxeición.
Utilización:
Emprégase como protección dos cascos
das mulas e burros.
Ferradura
Descrición:
Peza de ferro laminado en forma de semicírculo
prolongado. A prancha (0,5 cm de espesor e 2 cm de ancho) leva seis buracos,
de forma cadrada e biselados cara ao interior para introducir os cravos
de suxeición.
Utilización:
Emprégase como protección dos cascos
dos cabalos.
Puxavante
Descrición:
Instrumento cortante de ferro, en forma de paleta,
composto por unha lámina ou prancha rectangular afiada na fronte
e domeada lixeiramente cara a arriba polos laterais. Dispón dun
mango de madeira para imprimir forza no corte.
Utilización:
Serve para recortar as partes do casco dos cabalos
ou pezuños das vacas e bois antes de poñer unhas novas ferraduras.
Alicates
Descrición:
Ferramenta de ferro en forma de tenaces con puntas
chatas. Componse por dúas barras móbiles de ferro que se
cruzan, unidas por un eixe abríndose en cruz. Remata nun extremo
en figura de boca coas puntas chatas e dentadas pola cara interna para
proporcionar maior suxeición.
Utilización:
Ten diversos usos e aplicacións no oficio
dos ferralleiros como torcer, cortar arames, folla de lata, etc.
Martelo
Descrición:
Instrumento de ferro con mango de madeira. A peza
de ferro consta de dúas partes, unha de sección cuadrangular
e a outra máis fina e estilizada, curvada e aplanada, con dúas
puntas, dispositivo ideado para arrincar cravos, puntas, arames, etc.
Utilización:
Destínase xeralmente para bater e cravar
puntas.
Soldador (Estañador)
Descrición:
Instrumento para soldar formado por unha variña
de ferro cunha empuñadura ou mango de madeira nun extremo que proporciona
illamento térmico. No outro extremo, ten unha peza cuadrangular
de cobre con dúas caras en ángulo bastante agudo, con forma
de cuña, coa punta lisa.
Utilización:
Emprégase, despois de quentado ao lume, para
derreter estaño e aplicalo a puntos concretos para soldar pezas
metálicas (lata, cinc, etc.).
Tenaces
Descrición:
Instrumento de ferro composto por dous brazos móbiles
suxeitos a un eixe fixo e rematados en figura de boca cos extremos biselados
en forma de punta e afiados.
Utilización:
Serve para asegurar obxectos e tronzar pequenos
obxectos de diferentes materiais.
Tesoiras
Descrición:
Instrumento cortante formado por dúas láminas
ou follas curtas (5,5 cm) de ferro, unha ancha (3 cm) co corte convexo
e outra máis delgada co corte cóncavo, as dúas cun
só gume pola parte interna unidas por un eixe suxeito cunha rosca,
sobre o cal se moven abríndose en cruz, cos mangos longos en forma
de media cana. Leva dous pivotes na base do eixe no que levaría
(hoxe non o conserva) un resorte para facilitar a apertura e un tope cilíndrico
de ferro soldado no interior dun dos mangos.
Utilización:
Emprégase para cortar láminas de metal
(folla de lata, folla de latón ou similares).
Barquín e forxa
Descrición:
Instrumento de ferreiro feito de dúas tapas
de madeira de castiñeiro en forma lanceolada unidas cunha peza
de coiro flexible, cravada nos cantos das tapas e reforzadas nas dobreces
por finas tiras de coiro cravada nela. Na parte máis apuntada dispón
dun cilindro de madeira ao que se lle encaixa un cano de ferro que bota
o aire preciso para manter o lume vivo, aire que recolle cunha válvula
circular, oculta, disposta na tapa inferior. Na parte interna traseira
da tapa inferior dispón dun saínte cuadrangular de madeira
do que se pendura unha pedra que fai de contrapeso ao tempo que se engancha
cunha panca coa que se acciona desde a parte dianteira o aparello subíndoa
e baixándoa. Todo el vai montado nunha armadura de ferro na que
se axusta lateralmente o gran fol propiamente dito por medio de dous pivotes
cilíndricos de ferro; a panca átase na trabe de ferro da
armadura. Ao cano de ferro encáixaselle unha fornalleira ou forxa,
peza circular de ferro con base de pedra, montada sobre tres pés,
onde se acende o lume para quentar o ferro. Leva un buraco nun lateral
polo que entra e axusta o bico do fol para botar o aire preciso para avivar
as ascueiras e escouras do lume.
Utilización:
Destínase a proporcionar aire para avivar
o lume na forxa ou fornalleira de ferreiro para quentar e amolecer o ferro
para o seu traballo (forxado, laminado, etc.).
Tenaces
Descrición:
Instrumento de ferreiro constituído por dous
brazos de ferro, longos e de sección cilíndrica unidos e
articulados por un eixe fixo atravesándose e abríndose en
forma de aspa rematando en dúas pezas triangulares e grosas para
prender e asegurar obxectos.
Utilización:
Emprégaas o ferreiro para manipular as pezas
de ferro candentes e para asegurar e prender obxectos mentres se traballan
na forxa e zafra.
Tenaces do lume
Descrición:
Instrumento de ferreiro constituído por dous
brazos ou follas de ferro móbiles, reviradas a 90º, unidas
por un eixe fixo, que se cruzan e abren en forma de aspa. Remata nun extremo
en dúas asas de figura semicircular e na boca en dúas pezas
circulares feito todo nunha soa peza de ferro.
Utilización:
Emprégaas o ferreiro para manipular as pezas
de ferro candentes.
| | | |
III. Oficios ambulantes
Asubío (Chifre)
Descrición:
Instrumento semellante á frauta de Pan, feito
de madeira de buxo e calibrado con diferentes profundidades para que dea
determinadas notas ao soprar nel. Ten en xeral unha forma rectangular
engadíndolle a cabeza dun cabalo, estilizada na talla.
Utilización:
Emprégano os afiadores, do mesmo xeito cós
capadores, para facer notar a súa presenza nun lugar polo que pasan
facendo o seu oficio.
Roda de afiar
Descrición:
Artefacto composto dunha armazón de madeira
que leva unha roda de doce radios de 83,5 cm de diámetro e que
se pon en movemento por medio dun pedal (tirapé) articulado ao
eixe cunha vara e cegoñal. O movemento desta roda pasa por unha
correa sen fin a outra roda pequena que vai na parte alta do aparello
e que se fai xirar nun eixe no que van a pedra de afiar (esmeril) e unha
roda de madeira que por medio doutra correa de coiro fai rolar outro eixe
na parte dianteira que leva unha roda de asentar e pulir o fío
das ferramentas despois de afialas, as dúas circulares. Cando a
roda non traballa quítase a correa, cóllese polas patas
traseiras e bótase cara a adiante, deitándose cara ao fronte,
por onde asoma a roda que se pon sobre o chan e sobre a que roda toda
a máquina converténdose así nun vehículo lixeiro
e doado de levar. Como complemento da roda leva unha bigornia de aceiro
para amañar os eixes das navallas, tesoiras, etc.
Utilización:
Emprégana os afiadores para aguzar os diversos
tipos de ferramentas cortantes e facer traballos de reparacións
das mesmas, paraugas, etc. (co que moitas veces coinciden os oficios de
afiador e paraugueiro). .
Compás
Descrición:
Instrumento formado por dous brazos longos, de sección
cuadrangular, unidos por riba cun eixe ou caravilla e rematados en punta
afiada. Dispón dunha guía curva e fixa nun dos brazos que
pasa por arriba do outro e serve para regular e axustar a lonxitude de
arco ou medida a trazar cunha rosca de ás.
Utilización:
Emprégaa o canteiro para compasar (tomar
medidas co compás) e trazar arcos ou circunferencias regulares.
Martelo
Descrición:
Instrumento de ferro con mango de madeira. A peza
metálica consta de dúas partes, unha de sección cuadrangular
e curta (4 cm) e a outra moito máis longa en forma de pico curvo
(9 cm lonx.).
Utilización:
Emprégase para picar pedra e obxectos de
dureza semellante.
Asubío (Chifre)
Descrición:
Instrumento semellante á frauta de Pan, feito
de madeira de buxo e calibrado con diferentes profundidades para que dea
diferentes notas ao soprar nel. Ten en xeral unha forma rectangular engadíndolle
a forma da cabeza dun cabalo, estilizada na talla.
Utilización:
Emprégano os capadores para facer notar a
súa presenza nun determinado lugar polo que pasan facendo o seu
oficio.
| | | |
IV. Traballos do tecido
Maza de liño
Descrición:
Rebolo cilíndrico de madeira duns corenta
centímetros de longo cun mango da mesma madeira formando todo un
só conxunto.
Utilización:
Emprégase para mazar as plantas do liño
co obxecto de quebrantar as partes leñosas e liberar as febras
aproveitables para o posterior fiado.
Restrelo
Descrición:
Instrumento consistente nunha táboa rectangular
que leva espetados no seu centro, formando grupo, uns dentes ou pugas
de ferro longos e de punta moi fina, montados nun tarugo de madeira e
protexidos dos golpes por unha caixa de madeira a modo de funda ou testo.
Utilización:
Emprégase para tascar (afinar ou asedar)
o liño pasando as estrigas del por medio dos dentes, separando
deste xeito a estopa do liño.
Ripo
Descrición:
Instrumento formado por un tarugo de madeira de
xeito máis ou menos cilíndrico e aplanado pola base. No
centro do mesmo e en senso transversal e vertical colócase un peite
de madeira con dentes longos (vinte e un en total) afiados e pretos co
obxecto de que pasase a planta do liño o máis xusto posible.
Utilización:
Emprégase para ripar (quitar a baga ou bagaña
do liño) ao golpear e pasar a cabeza da planta axustada ás
estreitezas das pugas do peite separando deste xeito a semente do mañuzo
de liño.
Tascón (Trilla)
Descrición:
Instrumento conformado a modo de mesa que consiste
en dous soportes laterais en figura de «U» invertida formando
deste xeito catro pés. Pola parte superior ensámblanse en
cada unha destas dúas pezas catro listóns perpendiculares
ao chan, separados uns dos outros, apuntados e afiados pola parte superior.
No mesmo senso lonxitudinal leva instalada unha panca de madeira articulada
nun gonzo ou eixe de madeira no extremo máis elevado na que se
unen tres listóns de semellantes características cós
anteditos, afiados pola parte inferior. Estes ao baixar a panca introdúcense
polos ocos dispostos entre os listóns fixos.
Utilización:
Emprégase para espadelar e tascar as partes
leñosas da planta do liño para que queden libres as febras
aproveitables para o fiado, ao tempo de sacar as febras defectuosas despois
do proceso de mazado.
Caneleiro
Descrición:
Instrumento das tecedeiras para facer canelas; componse
dun eixe de ferro de forma cónica e apuntada (18 cm de lonxitude)
axustado nunha pequena roda (7 cm de diámetro) que se fai xirar
por medio dunha roda de gran diámetro (53 cm) con catro raios de
madeira torneada con diversas molduras decorativas; leva unha manivela
xiratoria de ferro en forma semicircular arredor dun puño de madeira,
axustado no extremo, que imprime movemento ao instrumento cunha corda
ou fío axustada nas canles das dúas rodas a maneira de polea.
Todo o aparello vai montado en soportes que apoian nunha base de madeira
rectangular (94 x 22 cm) cun oco tamén da mesma figura (70 x 7
cm) que permite o xiro da roda grande. A estrutura vai elevada do chan
por catro patas.
Utilización:
Emprégano as tecedeiras para facer as canelas
de fío ao envolverse arredor dunha cana que se introduce no eixe
de ferro do caneleiro.
Fuso
Descrición:
Instrumento para fiar que consiste nunha peza de
madeira de forma cónica e moi apuntada (propio do fiado da la).
Na parte inferior remata nunhas molduras, protuberantes da forma cilíndrica
do fuste, para que non escorregue o fío consonte se vai envolvendo
no fuso. Este leva un pequeno furadiño onde se prende o extremo
do fío para comezar a facer a manela.
Utilización:
Instrumento que se emprega para fiar (reducir a
fío unha manela de liño ou la) xunto coa roca.
Parafuso
Descrición:
É un fuso máis pesado e de maiores
dimensións có corrente. Consta dunha peza de madeira de
forma cónica co vértice feito dun dedal de latón
cunha pequena argola metálica (de ferro) por onde se introducen
os dous fíos que se van retorcer. Na parte inferior remata nunha
arandela de madeira de 7,5 cm de diámetro para que non escorregue
ao se retorcer e enlear.
Utilización:
Emprégase para xuntar dous fíos, torcelos
e retorcelos enleándoos ao seu fuste para facer un novo fío
máis groso, xeralmente para calcetar.
Roca
Descrición:
Instrumento para fiar composto dunha vara longa,
delgada e de sección máis ou menos circular cunha disposición
apropiada para suxeitar comodamente no sobaco cunha cabeza (recó)
de madeira de buxo con diversas molduracións torneadas nun anaco
de pau.
Utilización:
Instrumento que se usa para fiar xuntamente co fuso;
nela espétase a estriga de liño ou la de onde se van collendo
as febras para reducir a fío co fuso.
Roda de fiar
Descrición:
Instrumento das tecedeiras composto nas súas
partes fundamentais por un bastidor pequeno con dous paus circulares e
curtos, cunhas presillas de ferro, montado todo nun eixe de madeira e
unha rodela. Este mecanismo faise xirar por medio dunha roda de maior
diámetro (34 cm) totalmente opaca e coa circunferencia redondeada
ao torno. Leva unha regaña circular, de maior diámetro cá
roda en que vai montada, onde se introduce o fío axustado nas dúas
rodas a maneira de polea movida a pé por un pedal rectangular disposto
na base do enxeño e conectado na roda grande por un listón
vertical de ferro e un cegoñal coas súas respectivas engrenaxes.
O conxunto do mecanismo do aparello vai montado nunha mesa sen pés,
estando o seu taboleiro horizontal perforado en lonxitude por un oco rectangular
redondeado nos extremos para permitir o movemento xiratorio da roda grande.
Utilización:
Emprégase xunto coa roca, substituíndo
o fuso, para facer o fío de la ou de liño.
Barcal
Descrición:
Caixón de madeira de forma rectangular dividido
nunha ducia de gabetas cadradas máis pequenas (13,5 cm de lado)
nas que se introducen e gardan os novelos de fío. A caixa vai sobreelevada
do chan por catro pés artisticamente torneados, tamén de
madeira.
Utilización:
Emprégano as tecedeiras e teceláns
para gardar os novelos de fío e preparalos para introducir na espalladoira
e logo na urdideira.
Tear
Descrición:
Máquina para tecer composta por dúas
ordes de pezas: sustentantes e sustentadas. As primeiras forman unha armadura
con catro pés que sosteñen parte das pezas e, por arriba,
pola prolongación dos pés outra serie de travesas terman
do resto do mecanismo. As pezas sustentadas todas móbiles son as
seguintes, a contar do sitio en que se pon a tecedeira: táboa posta
de plano que serve como asento para a tecedeira ou tecelán; orgo
do pano, eixe transversal cilíndrico no que ao tecer se vai envolvendo
a tea, o lenzo amárrase no orgo colocado máis abaixo tensado
por medio dunha roda dentada de madeira acercada lateralmente ao orgo
e que se fixa cunha lingüeta tamén de madeira enganchada nos
dentes da roda e se fai xirar cunhas chavellas dispostas perpendicularmente
ao eixe. A seguir do orgo do pano atópase o peite ou pente, aloxado
no canal de madeira e suspendido por dous brazos dunha travesa situada
na parte superior. O peite fórmase por unha serie de láminas
de cana verticalmente dispostas, suxeitas polos extremos a dúas
varas transversais, trabado todo por bramantes. Despois atópanse
os lizos, dous, formado cada un por unha trama de fíos que levan
no medio un lazo. Os lizos van suspendidos dunhas cordas que pasan por
dúas rodelas, roldanas de madeira, de forma tal que cando unha
baixa outra sube, movemento que se lle dá por medio de dúas
premedeiras, pedais de madeira, que colgan dos lizos. No outro extremo
do tear vai o orgo do liño, tamén un eixe transversal cilíndrico,
que leva unha entalla na que entra unha vara para amarralo ao liño.
Utilización:
Máquina empregada para tecer os lenzos, panos
e teas de diferentes tipos.
Máquina de coser de man
Descrición:
Trebello de xastres e costureiras que consta de
dúas ordes de pezas. Unha base de madeira de forma rectangular
que serve de soporte á máquina introducíndoa nun
oco disposto para o caso. Segundo a máquina mesma que consta dunha
plataforma de ferro, tamén rectangular, que se encaixa nun oco
de menores dimensións previsto na base. Sobre este vai unha peza
en forma de «L» que apoia na plataforma polo brazo máis
curto e ancho quedando o máis longo e estreito paralelo e ergueito
da superficie. Neste articúlanse diferentes mecanismos que imprimen
as agullas de coser un movemento ascendente-descendente e un movemento
de vaivén en sentido horizontal, a unha lanzadeira oculta baixo
a plataforma, para entrelazar o fío, proporcionados manualmente
por medio dunha roda radiada paralela e vertical ao brazo curto cunha
manivela xiratoria e encartable arredor dun puño de madeira axustado
nun extremo dela.
Utilización:
Emprégase para coser roupa e pezas pequenas
de pano. Pola súa construción é móbil e transportable
axustándose máis ao traballo máis nómade das
costureiras fronte ao dos xastres.
Máquina de coser de pé
Descrición:
Consta de dúas ordes de pezas: sustentantes
e sustentadas. As primeiras forman unha armadura de ferro de catro pés
de 73 cm de altura que sostén unha plataforma rectangular de madeira
(85 x 44 cm) que terma do mecanismo. Na base leva un pedal rectangular
de ferro, perforado cunha trama de ferros entrelazados, que imprime movemento
a unha roda de ferro disposta vertical e lonxitudinalmente ao longo da
armazón metálica que engancha nun cordón de coiro
co mecanismo principal da máquina. A peza sustentada, a máquina
de coser propiamente dita, é un aparato que consta dunha plataforma
rectangular (31 x 17 cm) encaixada na madeira sobre a que se dispón
un brazo horizontal cos pivotes para os novelos, fixo nun extremo pola
base e elevado pola outra, onde se poñen os diferentes tipos de
agullas para coser; no extremo fixo leva unha roda radiada cunha regaña
circular para conectar co movemento da roda grande inferior.
Utilización:
Emprégase para coser panos de grandes dimensións.
Pola súa estrutura e dimensións, e aínda que é
transportable, ponse fixa para traballar nun local axeitándose
mellor ao traballo do xastre, máis estable, có das costureiras.
| | | |
V. Outros oficios
Asentador
Descrición:
Instrumento de barbeiro composto por unha tira rectangular
de groso coiro cosido polos extremos libres formando unha especie de argola
prolongada, tensándoa con dúas barriñas cilíndricas
de ferro e un parafuso longo do mesmo material ao que se lle encaixa un
mango de madeira.
Utilización:
Emprégase para suavizar o fío das
navallas de afeitar pasándoo repetidamente por ambas caras.
Cadeira
Descrición:
Asento de madeira con respaldo e brazos, xiratorio
e basculante sobre un soporte ou armazón de madeira en figura de
pirámide truncada. Dispón dunha táboa posta de plano
suxeitada con dous bastidores de ferro para apoiar os pés e unha
peza alongada de coiro e madeira disposta no cume do respaldo, axustable
en altura por medio dun trinquete para apoiar a cabeza. Toda a peza está
pintada en cores branca e negra.
Utilización:
Emprégase na barbería como asento
dos clientes que van cortar o pelo ou afeitar.
Espello
Descrición:
Peza rectangular de cristal azougado polo envés
e montado sobre unha prancha de madeira das mesmas dimensións,
suxeitándose ambos elementos por unha cenefa de folla de lata.
No dorso dispón dun arame retorcido e modelado como asa tanto para
collelo e transportalo coma para pousalo ergueito e inclinado sobre unha
superficie.
Utilización:
O barbeiro emprégao para amosar o reflexo
da imaxe do cliente e evidenciar o resultado do traballo realizado.
Maquinilla
Descrición:
Instrumento cortante formado por dous brazos, un
fixo que terma dunha carcasa metálica cunha rosca circular e outro
móbil que acciona lateralmente unha prancha pequena e acanalada
con frontal dentado e miúdas pugas afiadas xogando sobre outra
peza fixa de similares características. Ao cruzarse a peza móbil,
accionada pola panca, sobre a fixa cortan e tronzan os pelos introducidos
entre as pugas saíntes.
Utilización:
Emprégaa o barbeiro para rapar o pelo así
como facer outro tipo de traballos capilares que requiren un tipo de corte
especial.
Navalla de afeitar
Descrición:
Especie de coitela de aceiro temperado e fío
moi aguzado que se dobra pola unión da coitela co mango para gardarse
nunha regaña disposta ao efecto entre as dúas cachas, de
cor negra, feitas de pasta, que conforman o mango.
Utilización:
Emprégaa o barbeiro para afeitar ou rasurar
a barba.
Coitelo
Descrición:
Instrumento cortante que consiste nunha lámina
de aceiro semicircular (32 cm de diámetro e 5 cm de ancho) afiado
polo exterior e con dous mangos de madeira domeados cara ao lado oposto
en que ten o corte, flanqueados por un protector de ferro para a man.
Utilización:
Emprégase para limpar a superficie do coiro
dos apéndices capilares e todo tipo de impurezas durante o proceso
de curtido da pel.
Rodicio
Descrición:
Peza constitutiva do muíño de auga,
de forma circular, que consiste nunha serie de vinte e catro pas cóncavas
ou culleres de ferro (penas ou penlas) que saen radialmente dunha peza
circular (54 cm diám.) suxeitadas cunha peza hexagonal da que saen
seis raios que suxeitan o aro e as penlas con senllos parafusos. Para
asegurar toda a peza leva un aro de ferro arredor de toda a estrutura.
Utilización:
Serve para facer virar o eixe e mover a moa do muíño
ao caer sobre el o chorro de auga.
Rodicio
Descrición:
Peza do antigo muíño de auga que consiste
nunha serie de vinte e tres culleres de madeira (penas ou penlas) que
saen radialmente dun anaco de madeira e que levan para as asegurar un
aro de ferro arredor. Esta parte xoga facendo corpo cun eixe de madeira,
de forma cilíndrica, dividido en dúas partes: unha inferior
e maciza (vara) que atravesa o cabazo (parte central e máis ancha
da roda do rodicio) fendida lonxitudinalmente e outra superior para dar
cabida ao arbre, peza de madeira xunguida por medio de dúas argolas
de ferro, na que se encaixa unha barra (beo), tamén de ferro, que
sostén e fai xirar a moa ou moenga.
Utilización:
Emprégase para facer xirar a moa ao caer
o chorro de auga sobre as culleres co obxecto de moer os cereais para
obter a fariña para o penso e facer o pan.
Bigornia
Descrición:
Peza de ferro semellante a unha ingre ou zafra de
cravuñar formada por un ferro de sección cuadrangular afiado
na punta e un tope, protuberancia do mesmo material, para axustar ou espetar
nun madeiro ou cepo de madeira. Sobre esta vai disposta unha peza de ferro,
algo curva, de forma semellante a unha sola dun zapato onde se axustan
os diferentes tipos de calzado para traballar sobre el.
Utilización:
Emprégana os zapateiros para bater nela as
formas e solas dos zapatos, de coiro, goma, pel, etc. así como
axustar os diferentes tipos de calzado para facer outros traballos propios
do oficio (coser, remachar, etc.).
Torquesa
Descrición:
Variante de tenaces constituída por dous
brazos móbiles suxeitos a un eixe fixo e rematados en forma de
boca curva con puntas chatas e dentadas para proporcionar maior agarre
e suxeición. Abaixo a boca dispón dun taco do mesmo material
para empregar a xeito de pequeno martelo. No extremo dun dos brazos dispón
dun pequeno furado para pendurala do panel das ferramentas.
Utilización:
Emprégase para estirar a sola (de coiro ou
caucho) do calzado, cravar pequenas puntas e cravos, etc.
Máquina de coser
Descrición:
Artefacto que consta de dúas ordes de pezas:
sustentantes e sustentadas. As primeiras forman unha armadura de ferro
de catro pés que terma de dúas plataformas cuadrangulares
a diferentes alturas, unha máis longa a menor altura e outra máis
pequena a maior, que serve de soporte ao mecanismo. Na base desta sección
leva un pedal rectangular de ferro, perforado por unha trama de ferros
entrelazados, que por un movemento de vaivén imprime movemento
xiratorio ao mecanismo principal da máquina situada na plataforma
superior por medio dun cordón de coiro a xeito de polea. A peza
sustentada, a máquina mesma, consta de catro soportes que a elevan
da plataforma na que se encaixa. Está composta por unha peza de
ferro en forma de «L» deitada que apoia na base polo brazo
máis curto e ancho quedando o máis longo e estreito paralelo
á superficie. Nesta parte articúlanse diferentes mecanismos
que imprimen as agullas de coser un movemento ascendente-descendente.
Utilización:
Emprégao o zapateiro para coser solas e coiro
duro para facer zapatos e diferentes traballos co coiro.
| | | |
|