|
OUTROS OBXECTOS
Alquitara
Descrición:
Aparello feito de cinc na súa maior parte
composto de dous corpos, un inferior (caldeira) de forma troncocónica
invertida con dúas asas de ferro e dúas billas de latón,
unha cun funil de cinc enriba para regular o proceso de destilado; un
corpo superior (capacete) de forma esférica onde se condensan e
refrixeran os vapores das herbas. No cume da peza leva unha rosca cun
tapón tamén de latón. Dun lateral do capacete arrinca
un tubo longo (canón) de forma cónica revirado no extremo
cara a abaixo. O interior, todo de cinc, leva un pequeno caldeiro con
buratos en toda a súa extensión onde se poñen os
elementos vexetais sometidos ao proceso de destilación. Este aparello
vai ergueito do chan por un trespés especial axeitado á
forma da alquitara, formado por un aro de ferro con tres pés e
tres soportes lanceolados a unha altura inferior do aro, onde se introduce
a parte inferior da alquitara.
Utilización:
Emprégase para extraer por medio do lume
e polo procedemento de destilación de diversas plantas fermentables
o alcohol farmacolóxico de uso terapéutico.
Centraliña telefónica
Descrición:
Caixa de madeira que se coloca arrimada a unha parede.
Componse dunha base de madeira sobre a que se ensambla unha caixa coas
arestas arredondadas e unha tapa que xoga nun par de bisagras que oculta
da vista os mecanismos de conexión e leva no frontal visible catorce
aneis metálicos numerados para facer as distintas conexións
telefónicas posibles por medio dunha caravilla conectada cun cable
á base da caixa. Na parte superior desta leva dúas campaíñas
de aviso de ferro sobrechapado e no lateral esquerdo un gancho de conexión
para pendurar os auriculares (receptor e transmisor) formado por un mango
de madeira cos anteditos elementos situados a cada extremo del unido por
medio dun cable á base da caixa.
Utilización:
Aparello que se empregaba para conectar unha ou
varias liñas de teléfono nunha mesma localidade.
Gancho de tres puntas
Descrición:
Instrumento de ferro formado por tres pezas curvas
coas puntas reviradas e aguzadas formando un gancho con tres puntas dispostas
en ángulos de 120º. A parte superior leva soldado un aro de
ferro ao que se lle dispón unha argola circular para penduralo
ou amarrar unha corda ou cadea.
Utilización:
Serve para enganchar ou colgar cousas.
Vitrola (Gramófono)
Descrición:
Instrumento que reproduce as vibracións da
voz humana ou doutro son calquera inscrito previamente sobre un disco
xiratorio de vinilo amplificando a vibración por medio dunha bucina
exterior. Consta dunha caixa de madeira cunha manivela, que contén
a maquinaria que move o xiradiscos exterior recuberto cun pano de feltro
verde; unha agulla lectora do disco nun brazo articulado de latón
ao que se axusta no extremo un pavillón ou bafle de metal anodizado
en cor verdosa en forma de trompa con decoracións en tons dourados
e apliques metálicos da mesma cor. A caixa de madeira ten diversas
molduras na parte inferior como zócolo e como friso na superior
con carácter simplemente decorativo.
Utilización:
Aparello empregado para reproducir o son gravado
nun disco xiratorio de vinilo, xeralmente música.
Lavativa
Descrición:
Recipiente de porcelana de forma aproximada a un
cilindro cunha asa e un cano do mesmo material baixo esta e, preto da
base, onde se introduce un longo e flexible tubo de caucho rematado no
extremo nun cano de latón de figura fusiforme cunha billa do mesmo
material para regular e dosificar a saída do líquido terapéutico
do recipiente.
Utilización:
Instrumento empregado para introducir líquido
polo ano no intestino para provocar a defecación e evacuación,
ademais doutros usos medicinais.
Máquina de escribir
Descrición:
Artificio que por procedementos mecánicos
fai mover un mecanismo de pezas, teclas, que ao se pulsar moven uns tipos
ou caracteres tipográficos fixos que se imprimen no papel pola
presión do impulso dixital e a intervención dunha cinta
tintada. Consta nas súas partes fundamentais dunha armazón
metálica (carcasa) na que se axusta un teclado que fai mover unha
restra de láminas cos caracteres tipográficos e un carro
(peza cilíndrica de caucho) que se move horizontalmente e onde
se introduce a folla de papel.
Utilización:
Emprégase para escribir con caracteres fixos
e normalizados.
Muíño do café
Descrición:
Enxeño composto por unha estrutura de ferro
de catro pés con senllos buratos para suxeitar ao chan que terman
dunha armadura cuadrangular cun oco disposto para encaixar unha caixa
de madeira cunha pequena gabeta para recoller o po da moída. Enriba
disponse o mecanismo propio do muíño composto interiormente
por unha engrenaxe cunha roda dentada que actúa de moa, cuberto
cunha estrutura de láminas de ferro na que se dispón un
funil de forma troncocónica invertida (de 32 cm diám. máx.);
baixo este unha peza metálica e móbil que regula a entrada
de gran e un parafuso que axusta a medida e grosor da moída. Todo
este mecanismo móvese por medio dun eixe de aceiro que cruza todo
o aparello dun extremo a outro levando nun cabo unha manivela, mecanismo
de transmisión constituído por un brazo de ferro cun pomo
xiratorio de madeira, que imprime rotación a unha gran roda (107
cm diám.) que por inercia facilita a rotación e movemento
da engrenaxe. Esta peza vai decorada con tres raios curvos en forma de
«S» con decoración vexetal de carácter figurativo
e naturalista.
Utilización:
Máquina que se emprega para moer café
en cantidades industriais.
Prensa
Descrición:
Trebello que consiste nunha prancha de ferro (base),
rectangular, e vai un pouco ergueito do chan por catro láminas
cadradas de ferro dispostas nas esquinas a xeito de pés. Na base,
no centro dos lados maiores, articúlanse dous eixes cilíndricos,
dispostos verticalmente, nos que asenta unha trabe de ferro suxeita a
elas por dúas grandes roscas. O centro da trabe conta cun buraco
polo que pasa un grande e longo parafuso de ferro que se fai xirar a man
por medio de dous tornos culminados nos extremos por dúas esferas
de latón. O fuso leva articulado no extremo inferior unha pequena
prancha de dimensións sensiblemente maiores (30,5 x 29,5 cm) cá
base, peza móbil guiada polos eixes verticais no movemento de ascenso
e descenso, que preme o contido disposto na superficie da base.
Utilización:
Máquina que se emprega para comprimir e prensar
papel, libros, etc.
Raño de dous dentes
Descrición:
Instrumento de ferro formado por dous dentes dispostos
transversal e oblicuamente a un mango curto de ferro que no seu extremo
libre se revira para formar un oco ou burato para penduralo dalgún
sitio.
Utilización:
Emprégase para rañar ou sachar a terra
mol; xeralmente ten aplicacións en xardinería..
Teléfono de sobremesa
Descrición:
Aparello destinado para a transmisión a distancia
de mensaxes formado por un corpo que dispón dun disco de latón
xiratorio e numerado; unha asa xiratoria do mesmo material axustada á
base deste corpo de pasta de cor negra, elevado da superficie por catro
pés de goma; dous soportes en «V» para adaptar transversalmente
unha peza alongada que leva un auricular receptor e un transmisor unidos
á base posterior do aparello por medio dun fío. Deste mesmo
sitio sae outro cable que conecta coa rede eléctrica de transmisión.
Utilización:
Emprégase para a transmisión a distancia
de mensaxes orais ou calquera outro tipo de son por medio dunha liña
eléctrica.
Burro
Descrición:
Armazón usada no ámbito doméstico
feita dunha porción do tronco de árbore, desprovista de
pólas e ramallos, de forma máis ou menos circular da que
saen por baixo tres patas aproveitadas das pólas máis fortes.
Deste xeito, a superficie non é horizontal, senón que queda
lixeiramente inclinada cara a un lado.
Utilización:
Emprégase como soporte e base para cortar
e serrar madeira, leña, etc.
|