O museo de Antropoloxía

O material que se recolle no museo está dedicado ao home e á muller labregos e, máis concretamente, centrámonos na vida da Galicia interior. Moitos dos trebellos, así como todo tipo de utensilios da casa, pertencen á Terra de Caldelas, unha comarca ourensá da montaña que pode ser representativa da vida que levaron os homes do campo tanto na provincia de Ourense coma na de Lugo, porque tamén parte do material se recuperou nas terras de Sarria e tamén na zona dos Ancares.

Somos conscientes, polo tanto, de que nos falta moito camiño por percorrer na procura de recuperar o material suficiente como para que o noso Museo estea representada non só a Galicia interior senón toda Galicia, sen esquecer por suposto os homes do mar, ós que queremos dedicar o espazo que eles merecen. Do mesmo xeito, e aínda que xa está representado parcialmente, queremos ampliar o espazo dedicado ao mundo da emigración, ámbito no que, por desgraza, tanta participación tivo a xente de Galicia, incluído, como non, o que redacta estas liñas.

A transformación de Galicia, e moi especialmente do mundo rural, foi brutal nos útimos tempos. Nese paso da tradición á «modernidade» quedaron atrás moitas cousas. Coa chegada do tractor elimináronse os arados tradicionais e unha chea de ferramentas que durante séculos utilizou a nosa xente. Benvido o progreso e a chamada da modernidade, pero non consintamos a eliminación repentina das ferramentas e os trebellos que ao longo de tanto tempo conformaron un xeito de ser, modelaron toda unha cultura campesiña e en definitiva uns sinais diferenciais que constitúen a identidade dun pobo.

A idea que nos serviu de guía para levar a cabo a instalación deste Museo non foi outra cá de recuperar e conservar estes vellos utensilios dos campesiños. Recuperalos e, no posible, facelos funcionar para amosarlles ás novas e futuras xeracións como era a forxa dun ferreiro, como se traballaba nos teares, as peripecias que pasaba o muiñeiro picando as pedras ou pondo en marcha o muíño ao abrir a tufela, distintas formas que tiñan de facer un queixo nas aldeas, como era unha lareira, na que tantas horas pasaban os nosos antepasados, como era unha adega, etcétera. En definitiva, pretendemos que o noso traballo non se reduza a recuperar catro pezas e amontoalas nuns almacéns. Pretendenmos que sexa un museo moderno e, no posible, didáctico. Non é fácil pero estamos convencidos de que a ilusión vai superar as dificultades, porque somos sabedores e conscientes de estarmos contribuíndo á recuperación da memoria colectiva dun pobo que está en marcha.

 

Descrición do contido do museo

O Museo de Antropoloxía inaugurouse en 1995 e ten a finalidade de contribuír á recuperación da cultura tradicional galega e tentar recuperar para a sociedade un anaco da súa historia inmediata.

O encargado da catalogación das pezas do Museo de Antropoloxía, Xosé Manuel Castro Carballeira, explica que «o traballo museográfico realizado parte do criterio de transcender a concepción clásica do museo como exposición de coleccións de obxectos para constituír conxuntos coherentes de pezas, información gráfica, textual, documental e audiovisual, primando por riba de todo os valores didácticos co obxectivo de que o observador asimile e comprenda inmediatamente todos os aspectos expostos.

Todo o completo contido do museo reuniuse e montouse por iniciativa da Fundación Sotelo Blanco coa finalidade de contribuír á recuperación da cultura tradicional galega. Os fondos recollidos son o resultado dunha planificación sistemática na busca dos materiais ao longo de varios anos polas terras de Castro Caldelas.

A partir deste traballo realizamos o labor de clasificar os obxectos do museo seguindo unha orde científica conveniente á natureza dos fondos e características do lugar do que proceden, dando como resultado o rexistro, inventario e finalmente o catálogo sistemático.

Debido ao tipo de materiais que compoñen os fondos do museo, as liñas xerais de catalogación baséanse nunha agrupación temática, por dúas razóns: primeiro, porque unha das clasificacións primordiais nun catálogo sistemático dos fondos dun museo, como pode ser o criterio cronolóxico, non de aplicación útil, xa que case a totalidade das pezas cronoloxicamente corresponde ao século XX, e mesmo unha clasificación por décadas sería imposible, pois moitas das pezas dátanse en marxes moi amplas de tempo resultando difícil precisar datas concretas sen caer no erro; en segundo lugar, porque o outro criterio de clasificación e ordenación máis habitualmente empregado, o sincrónico, por áreas xeográficas, tampouco é de aplicación factible xa que a orixe dunha porcentaxe moi alta de pezas corresponde a un núcleo único, a comarca de Castro Caldelas, idea orixinaria para a localización, adquisición e formación dos fondos que hoxe compoñen o museo.

Deste xeito, e prescindindo do método cronolóxico, pretendeuse dotar ó catálogo dunha coherencia temática traducida nas diferentes seccións que o compoñen: «Os traballos agrícolas», «A casa labrega», «A mentalidade: relixión, educación e emigración», «Os oficios tradicionais», que asemade son unha agrupación máis didáctica, seguindo a organización física das salas e ámbitos expositivos do museo, xerada a partir dun cadro de clasificación máis complexo, rigoroso e exhaustivo. Dentro de cada unha delas establecéronse series de ámbito temático máis reducido pola índole, concepto e función das pezas, e, cando estas aínda resultaban excesivamente extensas, baixouse a nivel de subserie, sempre aglutinada pola súa función. Cómpre subliñar que a ordenación das pezas dentro de cada sección, serie e subserie, se fixo por orde alfabética do nome da peza co obxecto de facilitar a súa consulta.

Xa que logo, o catálogo que presentamos é o resultado dun proxecto de descrición máis extenso (rexistro, inventario e catálogo sistemático) sobre o total das pezas que compoñen o fondo do museo, polo que foi preciso facer unha selección das máis representativas así como unha simplificación dos campos da catalogación orixinal, reducíndoos a número de catálogo, nome da peza, materia, medidas, procedencia, descrición e utilización, que coidamos resultan abondo suficientes para a identificación. Tentando ser fieis á sistemática numeración orixinal, levada durante o proceso de catalogación e descrición, e debido á selección de pezas, este catálogo prescinde dunha numeración correlativa e secuencial, mantendo a numeración orixinaria segundo orde de entrada, o que facilita a identificación das pezas nas propias salas do museo. Debido ó contido dos fondos e á diversidade de denominacións de cada obxecto nas distintas zonas xeográficas de Galicia, adoptouse como criterio xeral o de empregar o termo máis usado na lingua estándar, dándose entre paréntese outras formas tamén usuais.

Co inicio da andaina deste museo téntase recuperar para a sociedade un anaco da súa historia inmediata, non reducíndose só a un arquivo arqueolóxico do pasado senón pretendendo ser unha entidade dinámica que acolla no seu seo unha síntese da cultura popular e, por extensión, do pobo galego, coas súas crenzas, ritos, usos sociais e métodos de traballo que non se aprenden na escola nin nos libros senón que se transmiten de xeración a xeración, concepto que se traduce nunha cultura material que a seguir expoñemos neste catálogo como primeiro paso ó que obriga a cortesía cos visitantes e como comezo para o estudo da colección que día a día se ha arrequentar con novas adquisicións».

Para calquera consulta poñerse en contacto:

Logo funda SB HH negro
Museo de Antropoloxía
San Marcos 77
15820 Santiago de Compostela
Telf. 981 582 571
Correo-e: administracion(arroba)soteloblanco(punto)com

Noticias

Novidades da Trabe