O noiro, de Antonio Piñeiro gaña o Premio Lueiro Rey de Novela Curta 2015

Coas turbulencias que se desencadean nos anos trinta, chegan á vila acontecementos que interrompen o transcorrer apracible dos días. Na escola queda sen rematar a tarefa dunha redacción. Un dos nenos, convertido en combatente e tras experimentar en si mesmo o desmoronamento que o induce a terminar de escribila, saberá que o vello mestre é un dos mortos e desaparecidos, deixando ese oco, esa débeda que irá incluso máis alá do límite da súa propia vida, cando por fin se poñan os medios para atopar os restos e lle pida a un amigo que a salde no seu nome. O noiro é unha novela sobre a expiación, máis detrás está tamén o arrepío da violencia, a viaxe ao seu tempo, aos seus lugares, á persistencia inescrutable do ser primario ou á sorte de xeira escura do racional. Tamén á violencia do esquecemento, ese talude, ese noiro que quizais só sexa posible salvar regresando precisamente á inocencia do propio ser orixinairo.

Antonio Piñeiro, Santa Uxía de Ribeira, 1962, é autor das novelas As Fiandeiras, premio García Barros no 2012, A dama fulxente, premio Avilés de Taramancos no 2011, e A identidade fascinada, entre preto doutra vintena de títulos. É tamén, con A Carreta, premio Valle Inclán de narración curta; con Boxcar Blues, accésit do Premio Modesto R. Figueiredo; e con O pau na roda, premio Manuel Murguía de narración breve.

É membro de Barbantia, movemento literario, artístico e intelectual que, dende a bisbarra atlántica, ven sendo factor do novo pulo cultural galego.

 

Noticias

Novidades da Trabe