Rafael Quintía Pereira gaña o vixésimo Vicente Risco de Ciencias Sociais

 

O pasado sábado 9 de xaneiro, reuniuse en Vila Real o xurado encargado de fallar a vixésima edición deste prestixioso premio de ensaio. Composto por Fernando Acuña Castroviejo en representación do Concello de Castro Caldelas, Antonio Blanco Rodríguez e mais Xosé María Eguileta Franco en representación da Fundación Vicente Risco, Humberto Miguel dos Santos Martins e mais Timothy Leonard Koehnen en representación da CETRAD da Universidade  de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD) e Francisco Fernández Rei en representación da Fundación Sotelo Blanco, que á vez actuou como secretario, e Teresa Devesa Graña representante do Concello de Allariz que delega a súa función en Antonio Blanco Rodríguez, o xurado acordou por unanimidade:

1. Valorar o incremento de orixinais presentados tanto de procedencia galega coma portuguesa, así como a súa calidade científica e ensaística.

2. Conceder o XX PREMIO VICENTE RISCO DE CIENCIAS SOCIAIS ao traballo presentado baixo o título Análise estrutural e simbólica do mito da moura galega. Aberto o sobre correspondente, a persoa gañadora resoltou ser Rafael Quintía Pereira,con domicilio en Pontevedra.

Trátase dun rigoroso ensaio sobre o valor simbólico da Moura como herdeira das deidades femininas arcaicas, con posibilidade de retrotraelas a tempos prehistóricos, mesmo ao Neolítico. Ten o valor especial de desligalo do concepto amplo de «mouros» para chegar á cerna arcaica das deusas da terra e a súa transformación despois da cristianización en diversas manifestacións da Virxe, que se apropia das cualidades positivas da moura, permanecendo as negativas para as meigas ou as mouras pagás. Alicérzase nun traballo de campo que achega abundante simplificación descritiva que se sustenta nunha dimensión comparativa coas mitoloxías universais.

Este premio está dotado con 4.500€ e a obra será publicada por Fundación Sotelo Blanco.

Noticias

Novidades da Trabe