A Fundación Sotelo Blanco dálle a benvida por achegarse a este novo sitio. Moitas son as persoas que visitan as instalacións que albergan Fundación Sotelo Blanco e o Museo de Antropoloxía. Con esta páxina queremos estar máis próximos a vostede para que coñeza o labor que desenvolvemos a prol da cultura galega. Con esta nova páxina pretendemos que teña unha ferramenta máis para achegarse ás instalacións e ás pezas que constitúen parte do Museo de Antropoloxía, agardando que, deste xeito, poida animarse e coñecernos persoalmente na sede da Fundación Sotelo Blanco.

Olegario-Sotelo-BlancoOlegario Sotelo Blanco

É un entusiasta da obra do xenial Gaudí, e durante anos dispuxo da planta nobre do edificio coñecido como «La Pedrera», que restaurou no posible. Alí instalou unha galería de arte —Sala de Arte La Pedrera— e promoveu múltiples actividades culturais: exposicións de libros, conferencias, debates, mesas redondas... sempre na procura dunha maior irmandade entre dúas culturas históricas e amigas –e que son as súas propias–, a catalá e a galega.

En 1993 creou en Barcelona Ronsel Editorial, editora que publicaba tanto literatura en castelán coma traducións a esta lingua, entre elas especialmente obras de autores galegos ou portugueses, como Xosé Luís Méndez Ferrín, José Saramago… Colaborador habitual en prensa, radio e televisión, tanto en Galicia coma en Cataluña —participou coa sección «A fiestra» no programa Lonxe da Terra, en R.M. Radio—, fundou e dirixiu en 1985 Radio Amistad, emisora de F. M. que pecharía ó pouco tempo a Generalitat de Cataluña por razóns administrativas. As súas repetidas solicitudes das correspondentes licencias para levar a cabo proxectos radiofónicos similares en Galicia e Cataluña non tiveron éxito.

A súa conciencia de emigrante levouno a escribir os seus primeiros libros e artigos xornalísticos, reflexionando sobre esta condición de traballador expatriado. A conflitividade social, política e psicolóxica derivada da experiencia da emigración foi obxecto de estudo recorrente por parte deste autor, que a sufriu en propia persoa. O ensaio A emigración galega en Catalunya ou a novela El viaje de la vida son outras mostras do compromiso cívico e intelectual do escritor respecto do conxunto dos galegos que viven lonxe dunha terra á que non deixaron de amar.

Do seu compromiso coa realidade galega, emana ademais outra vertente caracterizada pola reivindicación do mundo rural daquel país, ao que dedicou traballos etnográficos como Antropoloxía cultural da Terra de Caldelas, ou a monografía Os afiadores. A industria ambulante. Fixo as súas primeiras obras de creación literaria co relato infantil A volta ós mundos de Tucho, os seus recoñecidos Contos de indianos ou o libro Non houbo queixa e outros contos exemplares, onde narra as peripecias de emigrantes e turistas galegos por Cuba.

Ao mesmo tempo foi un dos construtores máis reputados do barrio do Guinardó de Barcelona durante máis de corenta anos. A súa experiencia no mundo inmobiliario levouno a publicar hai uns anos o libro El problema de la vivienda, prologado por Manuel Vázquez Montalbán, onde, dun modo práctico, analizaba a evolución do urbanismo na Barcelona pre e postolímpica, non só desde o punto de vista público, senón tamén privado. Se cadra foi esta actitude de facer da súa vida un compromiso o que o levou no seu día a impulsar o I Primeiro Congreso Internacional da Emigración e Mundo Rural Galegos ou a presidir o Centro Galego de Barcelona.

En 1993 creou a Fundación Sotelo Blanco na que se expoñen obras de arte, organiza xornadas de irmandade con asociacións culturais e co-patrocina actividades de investigación para recupera-la memoria galega a través do Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, e xunto co Museo de Antropoloxía, que naceu cun ánimo de amosar á xente, sobre todo á máis nova, todo aquilo que tivo un significado vital na nosa Terra e que pouco a pouco está a desaparecer. No ano, 1995, puxo en marcha unha nova iniciativa periodística, a revista Galicia Internacional. O seu decidido compromiso con Galicia fixo que no seu día lle concedesen o «Pedrón de Honra» (1992), ou o nomeamento de «Galego Egrexio» pola Fundación Premios da Crítica (2001).

Reparte a súa existencia vivindo en Galicia e Cataluña, sempre activo, pero sen facer ruído, sen estorbos nin boatos. Home tímido e estudoso, bo amigo dos amigos, tamén das boas viandas. Isto procuroulle non poucas amizades do mundo da restauración, incorrendo mesmo puntualmente nese negocio, fiel ó seu ideario: traballar por Galicia tanto coma por Cataluña, a súa amada segunda patria, pero mirando sempre cara a diante, procurando fuxir do estado de permanente provisionalidade que dá a condición de emigrante. Neste senso, pode dicirse que soubo construír os seus propios fundamentos para, desde aí, edificar unha obra sólida e sen fisuras que supere a circunstancia de non ter podido vivir na terra que o viu nacer.

É autor das seguintes obras:
Galicia, pueblo emigrante. ¿Por qué? (en colaboración con A. Armesto Pontón; 1978),
Castro Caldelas y su comarca (1981; 2.ª ed., 1989),
88 gallegos. Una tierra a través de sus gentes (2 volumes; 1983),
Hermano Antonio (1989),
Justo Molinero. El gran comunicador (1990),
Conversas con Xaime Quessada (1991),
A emigración galega en Catalunya (1991),
Antropoloxía cultural da Terra de Caldelas (2 volumes; 1992),
El problema de la vivienda. La pesadilla de encontrar un piso hoy (1993),
A concentración parcelaria (en colaboración con Manuel Mandianes Castro; 1994),
Contos de indianos (1994),
Os afiadores. A industria ambulante (1994),
A volta ós mundos de Tucho (1995),
El viaje de la vida (1997),
Non houbo queixa e outros contos exemplares (2001).

A nosa fundación ten a súa sede en San Marcos, Santiago de Compostela. A Xunta de Galicia recoñeceuna como «fundación de interese galego» en 1993. No seu programa de actividades teñen cabida exposicións de arte, foros de debate sobre temas de interese social, edición de publicacións, patrocinio de actividades de investigación, convocatoria de premios literarios e a recuperación e conservación de pezas e elementos vinculados á antropoloxía cultural de Galicia. O Museo de Antropoloxía e Etnografía e a editorial Fundación Sotelo Blanco desenvolven as súas actividades dentro do mesmo complexo, que conta cun amplo salón de actos.

Recuperación e conservación do patrimonio

A Fundación Sotelo Blanco, seguindo as súas inquedanzas polo estado de conservación do patrimonio etnográfico de Galicia, posúe en Castro 
Caldelas o Muíño do Laberco, restaurado pola propia Fundación e en funcionamento hoxe en día. Cómpre salientar a importancia que tiveron os muíños na economía da zona: dos vinte e seis muíños que existiron, só quedan tres.

Noticias

Novidades da Trabe