Pensadas e realizadas sen distinción
para nenos e nenas, rapaces e rapazas dos catro ós dezaoito
anos e tamén para os adultos que se queiran achegar a estoutro
mundo imaxinativo e lúdico, as coleccións de literatura infantil
e xuvenil de Sotelo Blanco Edicións teñen como obxectivo deliberado
suscita-lo gusto dos rapaces pola palabra escrita, pola invención
narrativa e polo mundo fantástico da literatura, satisfacendo
asemade tódalas súas esixencias de lectura desque entran en
contacto por primeira vez coa literatura ata a adolescencia.
As características fundamentais
dos libros presentados nesta sección son a calidade literaria
das obras propostas, a súa proximidade ó mundo e mais ós intereses
dos rapaces e a necesaria adecuación ás diferentes idades
dos lectores. Engádese a isto unha perfecta integración de
texto e ilustracións, ofrecendo tamén os libros para primeiros
lectores a posibilidade de efectuar unha lectura activa das
imaxes, facilitando a comprensión do texto e estimulando a
fantasía e maila creatividade. Por outra banda, as ilustracións
queren servir de iniciación ás primeiras experiencias estéticas
do lector novo, achegándoo a diversos estilos e concepcións
artísticas.
|