|
O Concello do Grove entregará este sábado o XVIII Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta O Concello do Grove entrega este sábado, 28 de xaneiro, o Premio da XVIII edición do concurso Manuel Lueiro Rey de novela curta, que este ano será para Mario Regueira pola súa obra Outono aquí. O premio está dotado con 3.000 euros e entregarase nun acto literario que comezará ás 10.30 horas no salón de plenos do Concello. http://www.concellodogrove.es/index.php?ap=0&lng=es&cont=18&id=534 Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta 2011Cando a literatura se reviste coa pel da música, xorde Outono aquí, novela que, dende un íntimo diálogo entre sociedade, identidade e individuo, asume a escrita da modernidade, por esa fuxida de todo intento de solideza, como se todo, voces e silencios, acabasen por se esluír no ar da desmemoria do que fomos, seres nados en aldeas feridas pola coitelada sangrante de autovías mal trazadas, que obrigan aos seus habitantes a asumiren todas as formas inimaxinables de deshumanización nos barrios obreiros das cidades emerxentes. Son vidas de desacougo, angustia, soidade, rancor e contas pendentes. Outono aquí é, sen dúbida, un achegamento a eses seres forxados en espazos de miseria moral e física e á súa decadencia, á ignonimia de actos cometidos no nome da honra familiar vilipendiada, aos fillos e fillas deses seres e ás súas feridas. É o caso de Xoán e Guillerme, os protagonistas, que loitan por reconstruír a súa identidade a partir de falsos certificados de nacemento, historiais médicos de prognóstico incerto, segredos nunca antes confesados, fotografías veladas e tantas lembranzas esquecidas que, ao verbalizalas, conteñen unha soidade, ateigada, no entanto, de físgoas de felicidade. Guillerme vese obrigado a viaxar a Gante, unha anónima cidade europea, un lugar con prazas, estatuas, castelos turísticos e barrios obreiros, tan igual e tan diferente coma calquera outro, para recuperar unha herdanza que lle pertence de seu e escoitar tamén as palabras de perdón de Xoán, o seu exitoso irmán músico, mais nesa viaxe non só atopará a verdade dos feitos, senón tamén unha man cálida e amable que o axuda a saír da espiral da vertixe e, sobre todo, a cicatrizar tantas feridas abertas.
ISBN: 978-84-7824-616-8
Prezo:
15,00 Euros
|