|
OS TRABALLOS AGRÍCOLAS
I. Preparacion da terra Aixada (Sacho)
Descrición: Ferramenta
agrícola formada por unha lamia de ferro en forma de pa colocada
perpendicularmente nun dos cabos do mango cun ollo ou buraco que leva a
peza de ferro. Na parte posterior dispón dun ferro gallado para escaravellar
as malas herbas. Esta peza non dispón de mango.
Utilización:
Serve para escavar terra sementada e do mesmo xeito pola parte posterior
e máis estilizada faise a laboura máis coidadosa de eliminar
as herbas malas sen mover grandes masas de terra. Ten ademais outras moitas
aplicacións no agro. Legón
Descrición:
Ferramenta composta por unha peza de ferro cun buraco
no seu centro do que saen por un lado unha lámina longa e estreita
cun corte no extremo, en disposición horizontal, e polo outro a
mesma disposición pero en sentido vertical. Vai axustada esta peza
nun mango de madeira colocado perpendicularmente no oco central.
Utilización:
Ten moitos usos na agricultura, minería,
etc.; nas labouras agrícolas emprégase para cavar terras
moi duras (onde o arado non serve) para adecualas ás tarefas de
cultivo.
Raño (Picaña)
Descrición:
Ferramenta de labranza composta por dous dentes de
ferro fortes con forma lixeiramente curvada, mangados perpendicularmente
nun pau longo que se incrusta nun buraco do seu centro.
Utilización:
Emprégase para labrar e cavar as terras duras,
arrincar e carrexar esterco e, en xeral, calquera tipo de materia ou peso
que se axeite ao uso común.
Rodo (Trollo)
Descrición:
Utensilio de madeira que consiste nunha travesa en
forma de táboa rectangular cos lados menores redondeados, sendo
máis groso pola unión co mango de madeira e máis
fino e en forma de punta pola zona de arrastre. A táboa ten unha
lixeira concavidade en toda a súa extensión lonxitudinal
para evitar o derrame lateral do contido recollido e arrastrado. crusta
nun buraco do seu centro.
Utilización:
Emprégase para labrar e cavar as terras duras,
arrincar e carrexar esterco e, en xeral, calquera tipo de materia ou peso
que se axeite ao uso común.
| | | | | |
II. O cultivo dos cereais
Arado de veso
Descrición:
Instrumento agrícola feito de ferro; consta
de dúas rabelas de ferro con empuñaduras de madeira, con
veso, rella móbil suxeita por unha panca de ferro que vai dar no
centro das dúas rabelas. O temón de ferro disposto de xeito
horizontal ao chan, leva na parte dianteira unha rodela do mesmo material
(27 cm diámetro) con catro círculos inscritos a modo de
radios, de altura variable segundo o tipo de rotación e terreo
para arar. No extremo do temón de ferro leva un gancho para axustarlle
un tiro de cadea, para xunguir unha parella de animais, regulable en altura
o mesmo cá roda para profundar máis ou menos no terreo.
Utilización:
Instrumento que se emprega para abrir regos na terra,
labrándoa ao mesmo tempo que desenraíza as herbas malas
co fin de acondicionala para a semente.
Arado tipo <<romano>>
Descrición:
Instrumento agrícola feito de madeira; consta dunha peza angular
que se colle coa man por un dos lados (rabiza) mentres que o outro (rostro)
vai paralelo ao chan e leva na punta un dente ou rella de ferro de forma
cónica; detrás da rella atópanse dúas pezas
diverxentes no mesmo plano có rostro (abeacas) sostidas por unha
travesa (amexelo). Da base da rabiza, preto do ángulo de unión
co rostro, sae o temón, peza que non se conserva enteira, só
o comezo, que serve para xunguir unha parella de tiro. O temón asegúrase
á rabiza por medio dunha ensamblaxe que o cingue á encarna
na que entra. Entre o temón e o rostro atópase unha travesa
de madeira (teeiro) disposta verticalmente e que encaixa nos dous e serve
para reforzar o conxunto.
Utilización:
Instrumento que se emprega para abrir regos na terra, labrándoa ao
mesmo tempo que desenraíza as herbas malas co fin de acondicionala
para o período de semente.
Arado tipo «Braban»
Descrición:
Instrumento agrícola feito totalmente de
ferro; consta de dúas rodas de ferro (50 cm. de diámetro)
con sete radios e dobre rella de ferro, de veso, reversible e xiratoria
por medio dun mecanismo con resorte disposto no corpo central e accionado
por unha panca na traseira do instrumento. Diante delas e no mesmo corpo
do arado leva dúas coitelas de ferro (seitas) para facilitar a
cava da rella. As rellas (vesos) pódense regular en altura, de
xeito que poida cambiar o ángulo de incidencia da rella de ferro
na terra acadando maior profundidade de cava. No extremo dianteiro leva
unha abertura con cinco buracos onde se encaixa un tiro de cadea para
xunguir ata cinco xugadas de vacas.
Utilización:
Instrumento que se emprega para abrir regos na terra
labrándoa ao mesmo tempo que desenraíza as herbas malas
co fin de acondicionala para a época da sementeira.
Grade
Descrición:
Bastidor de madeira formado por travesas (chanzos)
nas que se atopan dentes de ferro en forma de paletas, postos de tal xeito
que ningún deles pase polo mesmo risco que o anterior ao pórse
en movemento o artefacto. A travesa dianteira ten dúas argolas
nas que se enganchan unhas cadeas ou cordas que van dar ao xugo do gando.
Utilización:
Emprégase para achaiar a terra, desfacendo
os sucos que labrou o arado, para preparala para a sementeira.
Cabazo (Corno da pedra)
Descrición:
Recipiente de materia ósea dun apéndice
cornúpeta de vaca ou boi de sección ovoide irregular. A
súa base péchase cunha prancha de madeira da mesma sección.
Na beira superior leva un gancho de arame para penduralo do cinto.
Utilización:
Recipiente de corno onde se garda a pedra de afiar
a gadaña e outras ferramentas durante o traballo para tela a man.
A miúdo pónselle unha pouca herba para gardar a auga e evitar
os golpes que se producen co movemento.
Colmeiro
Descrición:
Ferramenta agrícola formada por tres gallas
de ferro curvadas cara a arriba na base e outra galla que cobre, das mesmas
dimensións e lixeiramente curvada para abaixo. Consta tamén
dun tubo oco disposto lonxitudinalmente no extremo oposto ás puntas
para introducir o mango de madeira (esta peza non dispón de mango)
suxeitándose a presión ou cun parafuso disposto transversalmente
ao sentido lonxitudinal do mango.
Utilización:
Xeralmente emprégase para cargar a palla
ou a herba, estrume e outros materiais semellantes.
Forquita (Galleta)
Descrición:
Ferramenta agrícola formada por tres gallas
de ferro cun tubo oco no extremo oposto ás puntas para introducir
o mango de madeira suxeitado a presión ou cun parafuso, disposto
transversalmente ao sentido lonxitudinal do mango a través dun
buraco disposto para o caso.
Utilización:
Ten moitos e diversos usos na agricultura: estender
e virar a herba, estercar, cargar palla e outros usos semellantes.
Fouciña da sega
Descrición:
Ferramenta formada por un mango de madeira ao que
vai suxeita unha ampla folla curva de ferro, en forma de punta e afiada
pola cara interna.
Utilización:
Emprégase para segar os cereais (trigo, centeo...);
dependendo das dimensións e uso acumulado pódese dedicar
a outros usos agrícolas.
Angazo (Anciño)
Descrición:
Instrumento agrícola en forma de peite, travesa
provista de catorce dentes ou pugas de ferro cunha boca cilíndrica
e oca para introducir un mango de madeira. Os dentes teñen unha
forma lixeiramente curvada para facilitar o enganche e arrastre.
Utilización:
Emprégase para xuntar (angazar) palla, herba,
estrume, arrincar o esterco miúdo que queda ao final do curral,
etc.
Forquita (Galleta)
Descrición:
Ferramenta agrícola formada por dúas
gallas de ferro cun tubo oco no extremo oposto ás puntas para introducir
o mango de madeira suxeitado a presión ou cun parafuso disposto
transversalmente ao sentido lonxitudinal do mango a través dun
buraco disposto para o caso.
Utilización:
Ten moitos e variados usos na agricultura: estender
e virar a herba, estender esterco nas leiras, cargar e transportar diferentes
pesos, etc.
Limpadora (Mecanismo)
Descrición:
Máquina feita de madeira, aceiro e ferro
que consiste nunha gran caixa de madeira con diferentes elementos: por
riba unha gran entrada feita con paneis móbiles de madeira dispostos
en forma de funil por onde se introduce o gran sen limpar. Esta mestura
vai caendo por unha fenda disposta para tal efecto. Nun lateral, no extremo
do aparello, leva unha manivela que fai xirar unha engrenaxe con cinco
pas de lámina de ferro que, por efecto da rotación, crea
unha corrente de aire levando o cisco e a palla relada cara a adiante,
caendo o gran, máis pesado, nunha canle de baleirado onde se recolle
ao final dela. Diante das aspas leva un sistema de tres pranchas móbiles
e superpostas con diferentes tramas de arame (cribos) que, polo movemento
de vaivén transmitido pola engrenaxe á que van unidas, criban
e coan o gran restante do cisco e palla; esta, polo efecto do vaivén,
vai correndo polos cribos ata caer por unhas canles no extremo oposto
da máquina, mentres que o gran, de maior peso e menor diámetro,
se coa ata caer nun depósito no interior do enxeño. O proceso
de cribado faise con pranchas de arame de diferentes tramas segundo o
tipo de cereal a mallar (trigo, centeo, avea, cebada...)..
Utilización:
Emprégase para limpar o gran das espigas,
cisco e arganas antes de ensilalo, xa sexa trigo, centeo, avea e cebada.
Malladora (Mecanismo)
Descrición:
Aparello feito de madeira e metal (ferro e cinc)
composto de dúas partes básicas: a maquinaria e o rodado.
Forman o primeiro unha armadura de madeira de forma paralelepípeda
(1,93 x 1,65 x 0,75 m) forrada con paredes de chapa de cinc polo exterior.
Enriba leva unha plataforma de madeira, móbil, suxeitada por un
xogo de bisagras dispoñéndose horizontalmente para o traballo,
onde se colocan os mollos de froito para a malla que logo se introducen
por unha abertura lonxitudinal no tambor (estrutura cuberta cunha bóveda
de metal de 1/4 de canón). No interior e baixo esta abertura leva
un cilindro metálico da mesma lonxitude có aparello, con
bandas dentadas pegadas na superficie e equidistantes unhas doutras, conxunto
este que xira nun eixe, movido por unha polea e un motor, que forma peza
á parte desta, co fin de separar o gran da palla (debullo). Despois
deste a palla expúlsase cara ao exterior, pola mesma acción
de rotación do cilindro, por unha porta disposta ao longo da parede
oposta e o gran cae, a través dun entramado de arames que rodean
o cilindro, na base interna da estrutura de madeira recolléndose
a posteriori cun pequeno rodo. O rodado fórmano o eixe e as rodas,
conformando un todo ríxido, xa que as rodas xiran xuntamente co
eixe. Este é unha peza de madeira, longa e grosa, tallada de xeito
octogonal e encaixada nunhas entalladuras (treitoeiras); remata en dous
espigos prismáticos (ampenlas) para meter nos buratos centrais
das rodas. A roda, maciza, consta de tres pezas; unha central (mión)
e dúas laterais (cambas). Van reforzadas con ferro: derredor, no
canto, dispoñen dun aro de ferro (lamión) feito en dúas
seccións e suxeito con grandes cravos sobresaíndo da circunferencia.
As pezas de madeira van suxeitas e reforzadas con cinchas de ferro de
diferentes lonxitudes.
Utilización:
Aparello empregado para mallar cereais (separar
o gran da palla).
Malladora (Motor)
Descrición:
Aparello composto por dúas partes fundamentais:
o motor e o rodado. A primeira é un motor diésel de dous
tempos da marca «Lister» con dúas rodas laterais: unha
para arrincalo, para o que dispón dunha manivela e a outra no extremo
oposto, dispondo dun cilindro que sobresae dela e no que axusta a correa
(polea) que proporciona o movemento necesario ao mecanismo da malladora
propiamente dita. Nun lateral do motor e sobreelevado do resto da maquinaria,
leva un aparatoso radiador, non orixinal, senón peza reutilizada
doutro vehículo da época (contra 1930). O rodado fórmano
o eixe e as rodas, conformando un todo ríxido, xa que as rodas
xiran xuntamente co eixe. Este é unha peza de madeira, longa e
grosa, tallada de xeito octogonal e encaixada nunhas entalladuras (treitoeiras);
remata en dous espigos prismáticos (ampenlas) para meter nos buratos
centrais das rodas. A roda, maciza, consta de tres pezas; unha central
(mión) e dúas laterais (cambas). Van reforzadas con ferro
derredor, no canto un aro de ferro (lamión) feito en dúas
seccións e suxeito con grandes cravos sobresaíndo da circunferencia.
As pezas de madeira van suxeitas e reforzadas con cinchas de ferro de
diferentes lonxitudes.
Utilización:
Aparello empregado para mallar cereais (separar
o gran da palla).
Mallo
Descrición:
Utensilio agrícola composto por dous paus,
un longo (1,28 m) a moca ou mangueira, e outro curto (0,88 m), a pértega,
articulados entre si por medio de dúas pezas de coiro, as casulas,
chamada cidoiro a da pértega e carrachola a da mangueira, cosidas
con amallós tamén de coiro cru formando nos extremos da
mangueira e da pértega unha especie de asas. Entre estas métese
o vincallo de coiro (xunguideira) para unir as dúas pezas, moca
e pértega, formando o mallo.
Utilización:
Emprégase para bater os cereais segados e
secos separando deste xeito o gran da palla, operación que facían
na eira unha fileira de homes.
Medida (1/2 e 1/4)
Descrición:
Unidade de medida feita cun cilindro de madeira
afondado máis por un extremo (9 cm) ca polo outro (5 cm), tendo
o primeiro 9,5 cm de diámetro por 9 cm o segundo. Leva na parte
central da parede do cilindro un pomo de madeira torneado que serve para
sostelo e viralo.
Utilización:
Emprégase como unidade de medida para áridos
(cereais), medio quilo o máis fondo e cuarto quilo o menos.
Rodo (Trollo)
Descrición:
Utensilio de madeira que consiste nunha travesa
de madeira en forma de táboa rectangular, sendo máis groso
pola unión co mango de madeira e máis fino e aguzado pola
zona de arrastre. A táboa ten unha lixeira concavidade en toda
a súa extensión pechándose nos extremos para evitar
o derrame lateral do contido recollido.
Utilización:
Ten dous usos principais na agricultura; primeiro,
e como uso principal, durante a malla dos cereais para axuntar o gran
ou fariña; en segundo lugar, para axuntar as brasas e limpar o
chan do forno para cocer o pan.
Romana
Descrición:
Balanza portátil composta por unha panca
de brazos moi desiguais cun fiel (agulla que se pon vertical cando hai
perfecta igualdade nos pesos comparados) sobre o punto de apoio. O corpo
que se vai pesar colócase no extremo do brazo menor nun gancho,
e equilíbrase cun peso constante que se fai correr sobre o brazo
maior onde está trazada a escala de medición dos pesos.
Utilización:
Instrumento que serve para calcular pesos en xeral
e ten moi diversos usos na casa rural galega, pesar patacas, centeo, etc.,
xeralmente para a venda.
Tega (Ferrado)
Descrición:
Trebello feito de madeira con figura naviforme.
Na súa parte traseira leva unha asa para o transporte e na dianteira
o plano está inclinado uns corenta e cinco graos para facilitar
o baleirado do contido.
Utilización:
Emprégase para medir a capacidade para grans,
legumes e outros froitos secos, centeo, trigo, millo, etc., cando se vendía
ou cando se ía á sementeira.
Temón
Descrición:
Peza de madeira, cilíndrica na súa
maior parte; o terzo traseiro está labrado de xeito cuadrangular
para axustarse ao oco e espazo preparado na base da máquina de
mallar (malladora) coa finalidade de carrexala e transportala. O extremo
dianteiro está furado cun burato transversal no que entra unha
peza cilíndrica de ferro a modo de chavella fixa; diante desta
dúas pezas de madeira cravadas deixando un oco para axustar o xugo
co temoeiro.
Utilización:
Emprégase para transportar a máquina
de mallar asentada nunha armadura coma se de un carro fose, xunguindo
a el unha parella de tiro.
Torgo (Torga)
Descrición:
Verga ou vergallo de madeira retorcido de xeito
lacriforme e cravadas as puntas libres en aspa. Dispón dunha canle
rusticamente traballada polo perímetro exterior por onde corre
o fío da atume.
Utilización:
Emprégase para atar e transportar feixes
e mollos de palla, herba, etc., evitando deste xeito o rozamento coas
mans.
Zaranda
Descrición:
Instrumento agrícola feito de madeira e composto
por unha base de tres táboas ensambladas en forma de trapecio isóscele
flanqueado nos lados non paralelos e no lado paralelo menor por táboas
dispostas verticalmente a xeito de caixa. Nos laterais dos lados diagonais
leva dúas asas para imprimirlle ao instrumento un movemento de
vaivén.
Utilización:
Emprégase despois da malla para quitar o
cisco, arganas, abixarda, puxa e outros residuos que leva o gran, por
un procedemento de vaivén e aventamento, antes de entullalo.
| | | | | |
III. A Herba
Angazo (Anciño)
Descrición:
Instrumento agrícola que consiste nunha travesa
(empeine) provista de dentes rectos a xeito de peite cun mango longo,
todo el feito de madeira.
Utilización:
Emprégase para xuntar por arrastre (angazar)
herba, palla, estrume, ou para meter o esterco no rego o día da
sementeira das patacas, angazar o cisco na eira, os zarazos nos lameiros,
etc.
Galleto
Descrición:
Ferramenta agrícola de madeira feita dunha
póla delgada e resistente, cun mango longo rematado en dúas
gallas formando unha figura de V.
Utilización:
Emprégase para estender e virar a herba seca
despois da sega co obxecto de secala ao sol.
Gadaña
Descrición:
Ferramenta agrícola formada por unha folla
ou coitela de aceiro, ancha, curva, e de sección decrecente cara
á punta, mangada cun pau longo de sección poligonal que
forma ángulo con ela e se manexa coas dúas mans. Esta parte
de madeira dispón dun puño curto e curvado perpendicularmente
disposto a unha altura de 2/3 do mango, estando o terzo superior liso,
sobresaíndo de xeito cilíndrico do conxunto poligonal do
mango, que por si mesmo actúa de mango para a outra man.
Utilización:
Emprégase para segar a herba a rentes da
terra aínda que tamén se empregou en tempos anteriores para
outros menesteres coma segar o trigo e o centeo.
| | | | | |
IV. O Toxo
Trilla
Descrición:
Aparello formado por un mango longo e cilíndrico
de madeira ao que se lle axusta unha peza de madeira moito máis
ancha e pesada (mazo) que leva incrustada no extremo unha peza de ferro
en forma de machado, afiado polo extremo saínte e axustado á
peza de madeira por un arame que actúa de mordaza.
Utilización:
Emprégase para picar o toxo en pías
especiais de madeira para convertelo en penso e alimento para o gando
polo seu gran valor nutritivo.
Fouce
Descrición:
Ferramenta cortante formada por un mango curto de
madeira ao que vai suxeita unha folla de ferro curva, ancha e alongada,
co gume pola parte interna.
Utilización:
Emprégase para segar e máis xeralmente
para rozar (toxos, silvas, etc.).
| | | | | |
V. A Videira
Poda (Podón)
Descrición:
Instrumento cortante formado por unha folla de ferro
ancha coa punta curva e afiada pola parte interna. Leva na base un espigón
para incrustarlle un mango de madeira.
Utilización:
Emprégase para podar as videiras e as árbores
en xeral para favorecer a súa medra.
Xofradeira
Descrición:
Instrumento feito con dúas tapas de madeira
(de castiñeiro) de forma lanceolada cun pequeno mango en cada unha
delas, unidas a unha peza de coiro flexible cravada no canto das tapas.
Na punta leva un cano de ferro en forma de boca de trabuco cunha malla
ou rede de arame por onde se bota e dispersa o xofre ou sulfato.
Utilización:
Emprégase para sulfatar os diversos cultivos
(vides, patacas, etc.) para preservalos de determinadas pragas, botando
o veleno en po directamente sobre as pólas.
| | | | | |
VI. A Carrexa e o Transporte
Carro
Descrición:
Consta de dúas partes básicas na súa
construción: o chedeiro e o rodado. Forman o primeiro a mesa do
carro coa cabezalla, e o segundo o eixe e as rodas. O chedeiro consiste
nunha grade formada por dous largueiros (chedas) dobradas pola parte dianteira,
xuntando e prolongándose cara a adiante formando a cabezalla, todo
nunha soa peza. Estes tres elementos consolídanse por medio de
cinco travesas (cadeas), tamén de madeira, que apertan unha cheda
contra outra. As chedas coas cadeas correspondentes forman a grade, que
vai cuberta con táboas formando un piso (sollado). As chedas refórzanse
de xeito suplementario cun pasador de ferro na parte traseira. O chedeiro,
por baixo, leva dous víos de madeira e dous de ferro para atar
neles o adival e axustar a carga. A cabezalla ten unha entalladura no
extremo dianteiro (gargal) que serve para unilo o mesmo ca unha fura (chavelleira)
onde se mete un pau atravesado horizontalmente (chavellón) para
o mesmo fin. As chedas levan cada unha catro furas onde se axustan outros
tantos estadullos ou fungueiros, estacas de madeira que rematan en punta,
que se empregan tanto para suxeitar a carga ou engarzar os ladrais. Por
baixo de cada cheda van dous paus paralelos a elas e nos que, por medio
dunha rebaixa, apoia o eixe; esta peza é o croucó. Diante
e detrás da rebaixa van as apeladoiras ou treitoeiras, pezas de
madeira aseguradas con pescuños, destinadas a conter o eixe; por
diante levan un sufinque (retrouso) para darlles máis seguridade.
As apeladoiras, segundo se van rozando e gastando, pódense apertar
por medio dos pescuños. O rodado fórmano o eixe e as rodas;
forman un todo ríxido, xa que as rodas xiran xuntamente co eixe.
Este é unha peza de madeira longa e grosa tallada de xeito octogonal
con dúas canles preto dos extremos (luidoiros ou corredoiros) que
encaixan entre as treitoeiras; remata en dous espigos prismáticos
(ampenlas) para meter nos buratos das rodas. O eixe leva catro fendas
lonxitudinais (padeados) que actúan como caixa de resonancia para
que o carro «cante mellor». A roda consta de tres pezas: unha
central (mión) e dúas laterais (cambas) ensambladas ao mión
por medio de catro travesas interiores (relleiras); as cambas levan un
corte na parte interna en forma de media lúa (galga ou ceo). As
rodas van reforzadas con ferro; darredor dela, no canto, levan un aro
(llanta ou lamión) feito en dúas seccións e suxeito
con grandes cravos; tamén preto da circunferencia máxima
leva outros reforzos postos de plano en dúas seccións (gardamontes)
e cinchas de diferentes lonxitudes como reforzo da parte interna da roda
(cambas e mión). No centro da roda hai un burato cadrado (ulló)
no que entra a ampenla do eixe asegurándoa con tillas de ferro
(polgares).
Utilización:
Emprégase para transportar diversos tipos
de carga nos traballos agrícolas (patacas, esterco, cereais...).
Chavella
Descrición:
Pasador de madeira formado por unha peza rectangular
de madeira cunha cabeza pronunciada, tallada toda a peza nun mesmo anaco
de madeira, rusticamente labrada.
Utilización:
Emprégase para amarrar e suxeitar o temón
do arado ou cabezalla do carro ao xugo prendendo deste xeito os animais
precisos para proporcionar o tiro.
Ferradura
Descrición:
Peza de ferro en forma de semicírculo semellante
á pegada dun pé; na parte curva leva catro furados cadrados
para os cravos de ancoraxe e na parte do diámetro unha prolongación
en altura destinada a entrar por entre as unllas do animal e ser domeada
e axustada por riba delas.
Utilización:
Colócanse nos pezuños dos bois e vacas
para protexelos do desgaste polo rozamento co chan.
Ladral (Ladrairo)
Descrición:
Táboa longa e curvada que se dispón
vertical e lonxitudinalmente nos laterais das chedas dos carros por entre
os estadullos ou fungueiros.
Utilización:
É peza fundamental do carro cando se leva
carga de difícil contención polo seu volume e consistencia
(patacas, gran, etc.).
Mulida
Descrición:
Pelico que se pon sobre a cabeza dos bois e vacas.
Consta de dúas pezas básicas: unha almofada de coiro e lenzo
rechea de palla ou borra con forma axeitada á cabeza con cornos
dos animais, cunhas xunturas de coiro cosidas por baixo e por riba. Sobre
esta vai a cuberta feita con pel de can, do que aínda conserva
as extremidades coas unllas e o pelo; vai suxeita na parte posterior con
tiras de coiro que a fixan á traseira da pelica e dá a volta
por riba do xugo suxeitándose diante por unhas finas correas que
serven para atala; serve fundamentalmente para tapar as sogas de coiro
e preservalas da chuvia e do sol. As cubertas van decoradas con reberetes
de coiro, diferentes tipos de costuras e cosidos, cravos de cabeza ancha
e chata de cor dourado, e incisións e repuxados no coiro de estilizacións
vexetais (rosáceas de catro puntas) ademais de letras iniciais
co fondo incrustado de material sintético (plástico) de
cores vermella e negra.
Utilización:
Emprégase como amortecedor, para as vacas
e bois, do rozamento do xugo e do peso da carga que transportan no carro
e noutros aveños de labranza.
Roda de carro
Descrición:
Consta de tres pezas de madeira, unha central (mión)
e dúas laterais (cambas), ensambladas directamente na central.
As cambas teñen un corte na parte interna, que forma co mión
un oco, en figura de media lúa (escabo, galga ou ceo). Van reforzadas
con ferro; darredor dela, no canto, vai un aro (lamia ou lamión)
feito en dúas seccións e suxeitos con grandes cravos sobresaíndo
da superficie. Toda ela está conformada con grandes entrantes e
saíntes para proporcionarlle maior adherencia e agarre ao chan.
O mión ten dúas abrazadeiras (gatos) preto do furado central
e, unindo as cambas ao mión, dous aros de ferro superpostos en
altura que percorren toda a circunferencia da roda. No centro desta ten
un burato rectangular (ulló) no que entra a ampenla do eixe.
Utilización:
É un elemento constitutivo do carro e forma
conxunto (rodado) co eixe. Dentro da gran variedade de rodas documentadas,
e sen saírmos do esquema xeral, responden estas a un tipo adaptado
ao terreo e climatoloxía das terras altas de montaña; tanto
polo robusto da construción coma polo tipo de lamia, axeitada para
o agarre incluso sobre terreos nevados e con xeo.
Sogas, par de
Descrición:
Tiras de coiro longas, estreitas e flexibles, de
ancho decrecente, que se suxeitan ao xugo por unha fenda alongada por
onde entran os extremos das correas que logo se amarran aos cornos dos
animais de tiro pasando en cada volta por entre os castelares do xugo.
Fórmanse pola superposición de varias tiras máis
curtas remachándose unha sobre a outra ata formaren a lonxitude
total.
Utilización:
Serven para amarrar o xugo aos cornos dos animais
de tiro nos carros, grades, arados, etc.
Soliño
Descrición:
Peza de madeira de sección cuadrangular coa
parte traseira furada lonxitudinalmente e atravesada por un eixe cilíndrico
de ferro. Na parte dianteira está furada transversalmente para
introducir unha chavella de madeira fixada cunha cuña de ferro
para proporcionar suxeición ás soles (segunda xugada de
vacas).
Utilización:
Emprégase para xuntar unha segunda xugada
de vacas por medio de cadeas ou cordas ao carro, arado ou grade.
Temoeiro
Descrición:
Especie de loro feito dun anaco longo e estreito
de coiro dobrado lonxitudinalmente pola metade para lle dar maior fortaleza
e consistencia. Nun dos extremos leva unha fenda alongada para suxeitar
o extremo oposto despois de amarrado.
Utilización:
Serve para unir a xugada (xugo) ao carro, arado,
grada, etc.
Temoncela
Descrición:
Peza de madeira máis ou menos cilíndrica,
co extremo traseiro furado por un oco gornecido con dúas ferraduras.
O extremo dianteiro atópase furado con dous ocos, un vertical e
outro transversal, no que entran dúas chavellas de madeira que
proporcionan a suxeición para o tiro.
Utilización:
Emprégase como segundo temón para
xunguir outra parella de animais para o tiro, enganchándose a cada
lado da cabezalla do carro cando o peso que hai que transportar é
excesivo tanto para o carro coma para unha soa parella de animais.
Xugo de cangas
Descrición:
Instrumento de madeira que se coloca sobre o pescozo
dos animais de tiro. Consta dunha peza central, ancha e forte, da que
saen dúas prolongacións de xeito semicircular, forma apropiada
para apoiar no pescozo. Remata nos extremos en dúas molduras tamén
semicirculares. Todas estas pezas forman un conxunto labrado no mesmo
anaco de madeira. Leva dúas varas paralelas dispostas en senso
vertical (chancís ou cangallas) que pasan aos lados de cada animal
entrando de abaixo a arriba pasando por uns buratos e suxeitándose
á estrutura central con pasadores de madeira (espichas). Os chancís
están lixeiramente curvados de xeito perpendicular cara a adiante.
Na parte central e superior presenta un saínte de madeira, modelado
na propia estrutura (castelar) en forma de flor heráldica de lis.
Todo o instrumento vai reforzado cunhas láminas de ferro incrustadas
na madeira percorrendo a estrutura básica.
Utilización:
Emprégase para xunguir ao carro ou a calquera
outro aveño de labranza unha parella de animais polo pescozo levando
a cabeza solta.
Xugo de mulida
Descrición:
Instrumento feito de madeira que se coloca sobre
a cabeza dos animais de tiro. Consta dunha trabe, pau forte e ancho que
se dispón horizontalmente para xunguir e apoiar na cabeza de cada
res. En cada extremo superior leva unha serie de saíntes (castelares)
por entre os que pasan correas de coiro que o amarran aos cornos. Tamén
nos extremos, pero pola parte inferior, leva unha especie de pa (cangadoiro)
para asentar na mulida (pelica para amorecer o contacto co animal) presentando
achaiada a parte que descansa sobre o gando. Na parte superior central
presenta tres castelares de idénticas dimensións para unilo
á cabezalla do carro, temón do arado ou a calquera outro
aveño de labranza xunto co temoeiro (tira de coiro para amarralo).
Presenta decoración incisa, de carácter xeométrico
e gran estilización (bandas dentadas de formas moi diversas), tanto
nos dous castelares centrais coma nas rodas cilíndricas dos extremos.
Utilización:
Emprégase para xunguir ao carro ou a calquera
outro aveño de labranza unha parella de animais polos cornos.
Angarellas
Descrición:
Armazón de paus que forman dous soportes
que, unidos por riba un ao outro con correas de coiro suxeitadas a ámbolos
lados por argolas alongadas na estrutura de madeira, quedan un a cada
lado do animal, formando ángulo de corenta e cinco graos (despregado)
cando levan a carga, pechándose cando van sen ela.
Utilización:
Emprégase para a carrexa (de leña,
nabos, ferraia, herba...) a lombos dunha besta de carga (burros, mulas,
cabalos...) dispostas por enriba do albardón.
Atafal
Descrición:
Faixa de coiro que leva nos seus extremos un conxunto
de correas para asegurar á parte posterior da sela de montar ou
albarda pasando por baixo do rabo do animal e sobre as ancas da cabalgadura.
No centro do aparello leva cosido un aplique de coiro en forma piriforme
para axustar outra peza de coiro que suxeita o rabo do animal. Nos extremos
leva dúas grandes fibelas que cumpren dúas funcións:
unha utilitaria, para axustar a lonxitude do aparello ás dimensións
do animal, e outra decorativa, con fibelas de metal prateado, anchas e
aparatosas, con decoración xeométrica. Todo o conxunto vai
enfeitado con cravos dourados de diferentes dimensións, hoxe deslucidos
polo uso e o paso do tempo.
Utilización:
Emprégase para suxeitar o aparello e que
este non se corra para adiante co movemento do animal.
Cincha
Descrición:
Banda de coiro cosida sobre unha tira de lenzo forte.
Dispón de dúas fibelas nos dous extremos para suxeitarse
en senllas correas na sela de montar.
Utilización:
Emprégase para suxeitar a sela de montar
ao lombo do cabalo atándoa por baixo da barriga do animal.
Coleira
Descrición:
Colar composto por dúas ordes de pezas, unhas
de madeira, pintada de vermello, que serven como estrutura ríxida,
dispostas ao redor dun colar de coiro aberto pola parte inferior e recheo
de borra ou palla, de gran volume, para amortecer o rozamento. Consta
esta parte de dúas fortes correas e grandes fibelas para termar
e suxeitar os temóns laterais. A peza de coiro suxéitase
ás guías de madeira a través dunhas correas de coiro
finas cosidas á estrutura de coiro do colar e cravadas nos cantos
das pezas de madeira. Péchase o aparello pola parte inferior do
pescozo do animal con dúas correas con senllas fibelas.
Utilización:
Emprégase para xunguir un animal de tiro
(cabalo, mula ou burro) a un carro ou aveño de labranza.
Estribo
Descrición:
Peza para montar dacabalo que consiste nun ferro
con figura de semicírculo e cunha travesa, entre os extremos del,
máis ancha e posta de plano e furada polo medio cun oco rectangular,
para pousar o pé. No cume do semicírculo leva unha fenda
onde se lles poñían as correas para pendurar da albarda
ou sela.
Utilización: Emprégase para que o xinete pouse o pé
cando vai dacabalo ou como punto de apoio para montar ou apearse del.
Utilización:
Emprégase para que o xinete pouse o pé
cando vai dacabalo ou como punto de apoio para montar ou apearse del.
Estribo portugués
Descrición:
Peza en forma dun zapato sen a parte do tacón;
o piso está formado por unha táboa máis ancha pola
parte traseira e rematada de xeito curvo á que se lle amarra unha
parte de coiro que o cobre (empeña) de forma ampla para meter o
pé calzado. Abrazando o conxunto leva unha lámina de ferro
forrada de coiro e cunha argola tamén de ferro para penduralo dunha
correa da sela. Vai decorada con cravos dourados pola unión do
coiro coa madeira.
Utilización:
Emprégase para que o xinete pouse o pé
cando vai dacabalo ou como punto de apoio para montar ou apearse del.
Ferradura
Descrición:
Peza de ferro laminada e forxada en forma de semicírculo
prolongado. A prancha (0,5 cm de grosor e 2 cm de anchura) leva catro
buracos de forma cadrada e biselados cara ao interior para introducir
os cravos de suxeición.
Utilización: Emprégase como protección dos cascos
de cabalos, mulas e burros.
Utilización:
Emprégase como protección dos cascos
de cabalos, mulas e burros.
Sela de montar
Descrición:
Aparello para montar dacabalo formado por un albardón,
especie de albarda máis pequena e estilizada, feita con tea ou
enxeu e acolchada, cuns paus polo medio (fueiros) forrados de coiro para
darlle consistencia e rixidez á estrutura; sobre este leva unhas
pequenas orellas de coiro para asentar a sela e unhas correas con fibelas
para unir os estribos e cinchas. Cúbrese esta parte totalmente
cunha armadura de coiro un pouco ergueita por diante e cunha forma semellante
a un asento con grandes abas laterais colgantes que cobren todo o aparello
e serven ao mesmo tempo para non rozar o lombo e costelas do animal. A
parte dianteira leva un buraco rectangular para atar nel unha manta para
tapar as pernas do xinete cando chove ou vai frío. Está
decorada na parte frontal con dous cravos de cabeza ancha de metal dourado.
Dúas pezas máis completan a sela: a retranca ou atafal e
a cincha. O atafal é un conxunto de correas de coiro que pasan
por tras do rabo e impiden que a sela se vaia para diante; a traseira
da sela leva aros metálicos para enganchar aparellos semellantes.
A cincha é unha banda de coiro cosida sobre unha tira de lenzo
forte, suxeita ao albardón pasando arredor da barriga do animal.
Leva un sistema de atado composto por dúas fibelas nos dous extremos
que se suxeitan con dous pares de correas curtas e fixas no albardón.
Utilización:
Asento que se emprega para poñer nas costas
do cabalo e sentar o cabaleiro ou xinete con maior comodidade.
Canastra
Descrición:
Cesta redonda, oblonga e flexible feita de esparto
coa boca máis ancha cá base e dúas asas laterais
para transportar por unha ou dúas persoas.
Utilización:
Emprégase para transporte de multitude de
obxectos e produtos.
Cesto
Descrición:
Recipiente de configuración naviforme feito
de varas de vimbio trenzadas e cun asa semicircular que o divide á
metade, cada unha delas cóbrese cunha tapa do mesmo material.
Utilización:
Ten moi variados usos no agro galego, como gardar
froitas ou ovos, e ademais emprégase como recipiente para transportar
comida, etc.
Cesto
Descrición:
Recipiente de configuración oval feito de
vergas ou corrizas de madeira de castiñeiro, cunha asa semicircular
ancha do mesmo material disposta transversalmente ao sentido lonxitudinal
do cesto mesmo.
Utilización:
Emprégase para levar roupa, froita, etc.
| | | | | |
VII. Outros Traballos Agrícolas
Martelo de carabuñar
Descrición:
Ferramenta que consiste nunha peza de ferro con
mango de madeira. A peza de ferro consta de dúas partes, unha de
xeito cilíndrico coas beiras chafranadas e a outra aplanada co
extremo aguzado para bater no gume dunha ferramenta cortante, coma a gadaña.
Utilización:
Serve, conxuntamente cunha pequena zafra (ferro
de cravuñar), para adelgazar en frío o gume dunha ferramenta
cortante, coma a gadaña.
Pedra de afiar
Descrición:
Pedra con forma triangular de cor verdosa, coa superficie
rugosa e con moito gran, con capacidade abrasiva sobre os metais.
Utilización:
Emprégase para afiar distintos instrumentos
cortantes desbastando por fricción o ferro e aceiro e eliminando
os boquelos.
Pedra de asentar
Descrición:
Anaco de pedra de forma paralelepípeda irregular,
de pouca altura e co gran moi fino e suave.
Utilización:
Emprégase para asentar (eliminar as asperezas
que quedan despois do afiado) e afinar o gume de distintos instrumentos
cortantes.
Zafra de cravuñar
Descrición:
Instrumento en forma de punteiro de sección
cuadrangular coa cabeza ancha e cruzado transversalmente por unha peza
con figura de «8» que serve como tope ao espetarse no chan.
Utilización:
Emprégase, xunto cun martelo axeitado, para
cravuñar (afiar instrumentos cortantes en frío) gadañas
e fouciñas, batendo no gume ao tempo que se vai pasando por riba
do «ferro» espetado no chan.
Manteigueira
Descrición:
Recipiente cilíndrico de madeira, feito con
liobas (táboas curvadas) unidas e reforzadas cun aro de ferro na
parte traseira, de forma semellante a un barril de pequeno formato, deitado
sobre uns soportes transversais de madeira que o levantan do chan. As
tempas circulares están feitas dunha soa peza. A parte superior
ten un oco rectangular (35 x 30 cm) cunhas táboas dispostas en
forma de funil nas que se axusta o testo, con asa de madeira, peza en
forma de sección de arco, feita das liobas resultantes de seccionar
o tonel. No interior leva catro aspas de madeira engarzadas nun eixe de
ferro axustado nuns pivotes localizados nos centros xeométricos
da circunferencia das tempas; na súa parte dianteira dispón
dunha manivela de ferro con mango de madeira xiratorio que imprime movemento
ao eixe e aspas internas.
Utilización:
Recipiente que se emprega para mazar o leite e facer
a manteiga.
Manteigueira
Descrición:
Recipiente de madeira con forma de caixa troncopiramidal
con catro lados. A boca tápase axustándolle cun resalte
unha prancha da mesma madeira có fondo furado para dar paso ao
«pao», peza cilíndrica, longa e estreita, que leva
no cabo inferior unha rodela tamén de madeira para mazar o leite.
Utilización:
Emprégase para mazar o leite despois de quentalo
e así facer a manteiga.
Rodela
Descrición:
Instrumento composto por un pau cilíndrico
(50 cm de lonxitude) que leva na punta inferior unha rodela tamén
de madeira. Conserva a taza de madeira co fondo furado que servía
para tapar a boca da ola na que se introducía o pau.
Utilización:
Empregábase para mazar o leite e facer a
manteiga.
Barreñón
Descrición:
Recipiente grande e amplo de formas cóncavas
semellante a unha cunca de gran formato cun groso bordo ou zanefa polo
exterior que reforza o seu bordo superior.
Utilización:
Emprégase para preparar a zorza dos chourizos;
tamén se usaban na época da matanza para recoller e bater
o sangue ademais de «bullar» ou mondar as patacas. En tempos
máis remotos utilizábase para se lavar neles a xente da
casa.
Barreñón
Descrición:
Vasilla ampla e profunda de forma troncocónica
cun groso bordo con «picados» e un «vinco» ou
reforzo da parte máis saínte (cordón de barro con
decoración por medio de impresións unlladas) ao longo do
perímetro.
Utilización:
Emprégase para preparar a zorza dos chourizos;
tamén se usaba na época da matanza para recoller e bater
o sangue. Así mesmo, pódese empregar para «bullar»
ou mondar as patacas. En tempos máis remotos e lonxanos utilizábanse
para lavarse neles a xente da casa.
Coitelo
Descrición:
Instrumento cortante con folla de aceiro, provisto
de mango cilíndrico de madeira. A folla é estreita (3 cm
na parte máis ancha) e longa (26 cm), aguzada e con dous gumes
na punta.
Utilización:
Emprégase para degolar os porcos cravándoo
na gorxa do animal, función que cumpre esta forma especial de coitelo.
Chambaril
Descrición:
Pau forte, curto e lixeiramente curvado en forma
fusiforme; os dous extremos do pau rematan en punta e forma de anzol para
evitar o desprendemento da carga pendurada nel.
Utilización:
Emprégase na matanza do porco para atravesar
as patas traseiras dos porcos meténdoo por baixo dos tendóns,
colgalos e abrilos despois do acto mesmo da matanza.
Máquina de encher chourizos
Descrición:
Mesa de madeira de catro pés que leva instalado
un funil grande de folla de lata con catro seccións ben delimitadas:
boca ancha circular, cilindro longo con remate en forma de cono e cano
fixado nun oco circular axeitado á forma del e axustado na superficie
cunha caravilla de ferro. Lonxitudinalmente leva instalada nun eixe e
nun extremo unha panca de madeira e un cilindro «taruco» do
mesmo material engarzado perpendicularmente na panca, tendo o mesmo diámetro
e sección có funil para presionar a zorza introducida no
embude e baixala á tripa introducida no cano do funil.
Utilización:
Ten dous usos fundamentais: para encher os chourizos
e como accesorio para picar a carne adaptándolle unhas coitelas
á base do funil.
Máquina de picar carne
Descrición:
Enxeño que consta dunha ampla boca elipsoidal
a xeito de funil que forma parte dun cilindro disposto horizontalmente
e elevado por medio de catro soportes con senllos buracos para suxeitar
a unha superficie evitando o desprazamento durante a manipulación.
Esta peza horizontal leva no interior un eixe helicoidal de porcelana
suxeito nun extremo cunha manivela de ferro aceirado prolongada nun mango
xiratorio de madeira, disposto perpendicularmente ao brazo da manivela;
no outro extremo do cilindro, o eixe dispón de catro coitelas axustadas
no interior do cilindro á peza xiratoria, cubertas por diante cunha
roda de aceiro do mesmo diámetro có cilindro e con diversas
perforacións circulares que permiten a saída da carne picada
pola acción das coitelas; este conxunto de pezas axústanse
cunha gran rosca no extremo do cilindro. Cando se pretende, amais de picar
carne, facer chourizos, a este mecanismo engádeselle un funil de
folla de lata, concentrando deste xeito a saída da carne (zorza)
e embuchando toda esta mestura nunha tripa disposta no cano do funil.
Utilización:
Ten dous usos, fundamentais na época da matanza
do porco: picar carne para facer zorza, e outros produtos alimenticios
a base de carne, e encher chourizos.
| | | | | |
|