O Museo de Antropoloxía inaugurouse no 1995 e ten a finalidade de contribuír á recuperación da cultura tradicional galega e tentar recuperar para a sociedade un anaco da súa historia inmediata.

O encargado da catalogación das pezas do Museo de Antropoloxía, Xosé Manuel Castro Carballeira, explica na presentación do Catálogo, editado pola Fundación Sotelo Blanco, como foi o proceso do rexistro, inventario e catálogo que se levou a cabo:

«O traballo museográfico realizado parte do criterio de transcende-la concepción clásica do museo como exposición de coleccións de obxectos para constituír conxuntos coherentes de pezas, información gráfica, textual, documental e audiovisual, primando por riba de todo os valores didácticos co obxectivo de que o observador asimile e comprenda inmediatamente tódolos aspectos expostos.

Todo o completo contido do museo reuniuse e montouse por iniciativa da Fundación Sotelo Blanco coa finalidade de contribuír á recuperación da cultura tradicional galega. Os fondos recollidos son o resultado dunha planificación sistemática na busca dos materiais ó longo de varios anos polas terras de Castro Caldelas.

Recreación dunha casa labrega

 

A partir deste traballo realizámo-lo labor de clasifica-los obxectos do museo seguindo unha orde científica conveniente á natureza dos fondos e características do lugar do que proceden, dando como resultado o rexistro, inventario e finalmente o catálogo sistemático.

Debido ó tipo de materiais que compoñen os fondos do museo, as liñas xerais de catalogación baséanse nunha agrupación temática, por dúas razóns: primeiro, porque unha das clasificacións primordiais nun catálogo sistemático dos fondos dun museo, como pode se-lo criterio cronolóxico, non de aplicación útil, xa que case a totalidade das pezas cronoloxicamente corresponde ó século XX, e mesmo unha clasificación por décadas sería imposible, pois moitas das pezas dátanse en marxes moi amplas de tempo resultando difícil precisar datas concretas sen caer no erro; en segundo lugar, porque o outro criterio de clasificación e ordenación máis habitualmente empregado, o sincrónico, por áreas xeográficas, tampouco é de aplicación factible xa que a orixe dunha porcentaxe moi alta de pezas corresponde a un núcleo único, a comarca de Castro Caldelas, idea orixinaria para a localización, adquisición e formación dos fondos que hoxe compoñen o museo.

Deste xeito, e prescindindo do método cronolóxico, pretendeuse dotar ó catálogo dunha coherencia temática traducida nas diferentes seccións que o compoñen: «Os traballos agrícolas», «A casa labrega», «A mentalidade: relixión, educación e emigración», «Os oficios tradicionais», que asemade son unha agrupación máis didáctica, seguindo a organización física das salas e ámbitos expositivos do museo, xerada a partir dun cadro de clasificación máis complexo, rigoroso e exhaustivo. Dentro de cada unha delas establecéronse series de ámbito temático máis reducido pola índole, concepto e función das pezas, e, cando estas aínda resultaban excesivamente extensas, baixouse a nivel de subserie, sempre aglutinada pola súa función. Cómpre subliñar que a ordenación das pezas dentro de cada sección, serie e subserie, se fixo por orde alfabética do nome da peza co obxecto de facilita-la súa consulta.

Xa que logo, o catálogo que presentamos é o resultado dun proxecto de descrición máis extenso (rexistro, inventario e catálogo sistemático) sobre o total das pezas que compoñen o fondo do museo, polo que foi preciso facer unha selección das máis representativas así como unha simplificación dos campos da catalogación orixinal, reducíndoos a número de catálogo, nome da peza, materia, medidas, procedencia, descrición e utilización, que coidamos resultan abondo suficientes para a identificación. Tentando ser fieis á sistemática numeración orixinal, levada durante o proceso de catalogación e descrición, e debido á selección de pezas, este catálogo prescinde dunha numeración correlativa e secuencial, mantendo a numeración orixinaria segundo orde de entrada, o que facilita a identificación das pezas nas propias salas do museo. Debido ó contido dos fondos e á diversidade de denominacións de cada obxecto nas distintas zonas xeográficas de Galicia, adoptouse como criterio xeral o de emprega-lo termo máis usado na lingua estándar, dándose entre paréntese outras formas tamén usuais.

Co inicio da andaina deste museo téntase recuperar para a sociedade un anaco da súa historia inmediata, non reducíndose só a un arquivo arqueolóxico do pasado senón pretendendo ser unha entidade dinámica que acolla no seu seo unha síntese da cultura popular e, por extensión, do pobo galego, coas súas crenzas, ritos, usos sociais e métodos de traballo que non se aprenden na escola nin nos libros senón que se transmiten de xeración a xeración, concepto que se traduce nunha cultura material que a seguir expoñemos neste catálogo como primeiro paso ó que obriga a cortesía cos visitantes e como comezo para o estudo da colección que día a día se ha arrequentar con novas adquisicións».