Co fin de honra-la memoria de Manuel Lueiro Rey axudando asemade á promoción da literatura galega e dos seus autores, e como resultado da colaboración con Fundación Sotelo Blanco, S.L. o Concello do Grove convoca O XI PREMIO MANUEL LUEIRO REY DE NOVELA CURTA , dotado con 3.000 euros e que se ha rexer polas seguintes

BASES

Primeira.- Poderá concorrer ó premio calquera persoa, sen distinción de idade ou nacionalidade, que presente os seus textos en lingua galega, conforme ás Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego elaboradas polo ILG e a RAG e aprobadas polo Parlamento de Galicia. Os textos presentados, amais de seren inéditos e totalmente orixinais, han ter unha extensión mínima de sesenta (60) páxinas e unha extensión máxima de cento vinte (120) páxinas, tamaño folio DINA4, de mil oitocentas (1800) matrices cada páxina aproximadamente.
Segunda.- De cada texto presentaranse cinco copias antes do día 15 de agosto do ano 2003, remitíndoas ó enderezo seguinte:
XI Premio Manuel Lueiro Rey
Concello do Grove
Praza do Corgo, s/n
36980 O Grove (Pontevedra)

Tercera.- Cos orixinais, que irán precedidos polo título e lema escollidos polo autor, axuntarase un sobre pechado no que figuren por fóra o lema e mailo título e que conteña o nome completo, enderezo e teléfono do autor, así como o título do libro; inidicando no sobre XI PREMIO MANUEL LUEIRO REY DE NOVELA CURTA.

Cuarta.- O xurado estará composto por cinco membros relacionados co mundo da literatura. Un deles será o gañador da edición anterior do premio, dous serán nomeados polo Comité Organizador e os dous restantes participarán en representación de Fundación Sotelo Blanco. O premio outorgarase por maioría de votos.

Quinta.- A composición do xurado darase a coñecer antes da concesión do premio.

Sexta.- A decisión do xurado, que será inapelable, darase a coñecer durante o mes de outubro do 2003.

Sétima.- O premio, que é indivisible, poderase declarar deserto, caso de o xurado así o estimar en decisión inapelable.

Oitava.- Fundación Sotelo Blanco, segundo acordo co Concello do Grove, e en calidade de entidade colaboradora, resérvase o dereito de publicación, sen limitación de número de exemplares nin de edicións, da obra gañadora, reservándose tamén os dereitos de edición da mesma en tódalas linguas coa posibilidade de ceder tales dereitos a terceiros. A contía do premio considerarase en concepto de adianto polos dereitos de autor. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada.

Novena.- Os orixinais non premiados poderanse retirar logo de pasados quince días da data do fallo. Os orixinais que non se retiraren destruiranse.

A participación neste premio significa a completa aceptación das presentes bases e mais das decisións do xurado que se designe.

Noticias

Novidades da Trabe